Un pianista vigués de 17 anos recibe unha bolsa de Emilio e Gloria Estefan para estudar en Berklee

"Poder dar a man a un rapaz tan talentoso e de Galicia, de onde é a familia de Emilio, é unha forma de pechar o círculo", di a cantante

Sergio De Miguel Jorquera, entre Gloria Estefan y Emilio Estefan. EFE
photo_camera Sergio de Miguel Jorquera, entre Gloria e Emilio Estefan. EFE

A Fundación Cultural Latin Grammy outorgou este mércores a Bolsa Emilio e Gloria Estefan ao estudante vigués de piano Sergio de Miguel Jorquera, quen a partir deste momento poderá continuar os seus estudos na prestixiosa Escola de Música Berklee, en Boston. Valorada en 200.000 dólares —uns 178.000 euros—, a bolsa permite ao mozo cursar catro anos de estudos no Berklee College of Music, comezando en setembro próximo.

"Agora mesmo estou en shock, pero infinitamente agradecido aos Grammy e aos Estefan, porque grazas a eles vou poder estudar música e dedicarme [a ela] profesionalmente", dixo durante a concesión da bolsa o vigués, que acaba de terminar os seus estudos de bacharelato en Galicia.

"Poder dar a man a un rapaz tan novo, de 17 anos, tan talentoso e de Galicia, de onde é a familia de Emilio [Estefan], é unha forma de pechar o círculo", apuntou a Efe Gloria Estefan tras o anuncio.

A bolsa, duns 200.000 dólares, permite ao mozo cursar catro anos de estudos no Berklee College of Music, comezando en setembro

Pola súa banda, o produtor musical Emilio Estefan confesou que se ve moi reflectido nas "ganas de crecer profesionalmente" que ten Sergio de Miguel e recordou que a música foi a súa "salvación" cando abandonou Cuba, o seu país natal, e iniciou "unha nova vida como inmigrante" no sur da Florida.

"Estaba sen a miña nai, sen o meu irmán, sen toda a miña familia e o que me gustaba era tocar o acordeón, unha paixón que tiña desde neno", engadiu o cubano convencido de que De Miguel terá unha "prometedora" carreira artística.

PIANISTA PRECOZ. De Miguel comezou a tocar o piano aos tres anos. Tras prepararse en varias escolas de música galegas, logrou acceder ao conservatorio de Vigo, onde é pianista da banda de jazz da escola.

Os tres requisitos que debían cumprir os 500 aspirantes que optaban a esta axuda económica, que ademais de cubrir os estudos faise cargo dos gastos de manutención do estudante, eran "ser admitidos previamente en Berklee, ter unha paixón pola música latina e demostrar verdadeiras dificultades financeiras", de acordo coa convocatoria.

Grazas a este tipo de bolsas, a Fundación da Academia Latina da Gravación puido axudar a máis de 200 mozos de Iberoamérica no desenvolvemento das súas carreiras artísticas.

Comentarios