O ciclo de representacións Ponteatro comezará máis cedo que nunca

A cidade amplíao á primeira parte do ano con tres obras entre febreiro e maio
 
Imaxe promocional da obra 'Feminíssimas'. DE STE XEITO PRODUCIÓNS
photo_camera Imaxe promocional da obra 'Feminíssimas'. DE STE XEITO PRODUCIÓNS

O ciclo Ponteatro, que agrupa as estreas escénicas galegas máis importantes do ano e que habitualmente se desenvolve no outono, amplíase ao primeiro semestre do ano. "Queremos poñer en marcha Ponteatro dende o primeiro semestre", anunciou este venres a concelleira de Cultura, Carme Fouces, antes de avanzar que entre febreiro e maio, o Teatro Principal, acollerá este ano tres postas en escena: Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (25 de febreiro); Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións (11 de marzo) e O mozo da última fila, de Redrum Teatro (20 de maio).

Fouces lembrou que o ano pasado xa se fixera unha pequena proba coa programación de teatro galego na primeira parte do ano. "Este ano queremos profundizar nesta proposta coa Rede Galega de Teatros, que sexa máis ambiciosa, porque o Concello mantén o seu firme compromiso coa cultura", dixo a concelleira. "O resultado vai ser un primeiro semestre cultural potente, con estas tres representacións escénicas ás que se unirán, entre outras cousas, as propostas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil". Segundo se anunciou, este evento celebrarase entre o 4 e o 21 de marzo.

Actualmente, ao Teatro Principal poden acceder 98 personas, "pero estamos preparados para adaptarnos ao que veña"

ADAPTACIÓN. A concelleira de Cultura lembrou que actualmente a Xunta permite que accedan ao Teatro Principal, onde terán lugar as postas en escena de Ponteatro, 98 persoas. "Sempre e cando as condicións sanitarias o permitan seguiremos así, pero estamos preparados para adaptarnos a todo o que veña". 

O ciclo Ponteatro de 2021 comezará cunha peza de Matrioshka Teatro, "o grupo de teatro no que milita a nosa multipremiada e admiradísima veciña de Ponte Sampaio Lorena Conde". Conde é a autora desta obra, Comando Comadres, así como unha das protagonistas da montaxe, xunto con Chelo Rejo e Anabel Gago. A directora é Gena Baamonde. Segundo contou Fouces, Comando Comadres está dividida en cinco partes temáticas que se corresponden con cinco comandos, e ofrece unha reflexión feminista con moito sentido do humor.

Tamén a partir do discurso feminista cun punto de humor traballa Feminíssimas. Stephy Llaryora, Esther F. Carrodeaguas e Noelia Blanco son as protagonistas desta montaxe, que dirixe Xabier Castiñeira e que "realiza unha achega aos distintos movementos feministas: radical, liberal e queer", dixo Fouces. "Porque os movementos que fan avanzar o mundo están en permanente debate". 

Ponteatro pecharase coa adaptación que Redrum fixo de O mozo da última fila, unha obra de Juan Mayorga, levada ao cine polo francés François Ozon (En la casa). Álex Sampayo dirixe esta versión protagonizada polo pontevedrés Guillermo Carbajo.

Os pontevedreses Lorena Conde e Guillermo Carbajo son dous dos actores que forman parte dos elencos das distintas montaxes

Comentarios