"Pontevedra é como unha burbulla no tempo, a tradición sigue moi viva"

Carlos Núñez mestura a música celta con sons urbanos de creadores emerxentes para conmemorar o seu disco A Irmandade das Estrelas, que cumpre 25 anos. O 18 de decembro o Pazo da Cultura acollerá un concerto co que renderá homenaxe aos seus mestres, The Chieftains 
Carlos Núñez, nun concerto. J. CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Carlos Núñez, nun concerto. J. CERVERA- MERCADILLO

Celebra os 25 años de Irmandades das Estrelas. Que mudou neste tempo na música en xeral e na de Carlos Núñez?

Estamos a celebrar con moitísima alegría estes 25 anos. Estamos felices porque a mensaxe que iniciou a Irmandade nas Estrelas está calando incluso entre a xente nova que fai todo tipo de músicas e que dende calquera sitio queren inspirarse e tomar de referencia as músicas tradicionais. Que cambiou? Cambiou moito a percepción da música tradicional. Cando eu lancei Irmandade das Estrelas era extremadamente difícil chegar a cantar no programa de aninovo, por exemplo, saír en TVE parecía imposible para un gaiteiro. Eran conquistas que faciamos naquel momento. Hoxe todo xa está moito máis asimilado. Do mesmo xeito, fora un escándalo que no segundo disco xuntaramos os grandes mestres do celta e os do flamenco. Hoxe a xente está máis aberta, hai moita máis fusión, as músicas urbanas teñen xa moita curiosidade e respecto por todas esas músicas.

Este disco está feito con voces amigas como Rozalén, Andrés Suárez e Iván Ferreiro. Como son estas colaboracións?

A Irmandade das Estrelas foi resultado das miñas vivencias ata ese momento. Tiña daquela 23 anos. Eu nacín en Vigo nos anos 70 e naquel momento había unha especie de pequena ilusión pola gaita. Logo nos anos 80 era adolescente e daquela había que ser modernos, a movida ía por outro lado, era máis esa visión de buscar a modernidade.E nos 90 houbo unha revisión de todo iso e a música celta púxose de moda en todo o mundo e os meus mestres irlandeses, The Chieftains, tiñan acceso a todas as grandes estrelas da música. Eu estaba de xira con eles e un día tocabamos con The Who, outro gravei con Sinead O´Connor, outro día coñecemos a Bob Dylan ou estaba Sting aplaudindo entre o público. E para a miña sorpresa todos aqueles rockeiros e xente das músicas modernas tiñan unha grande admiración pola música tradicional. Iso sorprendíame porque non era o que eu vivía en Galicia. E pensei neses momentos que quería o mesmo para a nosa música. E convidei a Luz Casal, Dulce Pontes... Para celebralo, 25 anos despois, pensei que o mellor sería invitar a xente que está hoxe en activo, como os colaboradores galegos de C. Tangana, Rozalén, Iván Ferreiro, Tanxugueiras, Andrés Suárez...

Que lle achegan?

É marabilloso. Estas experiencias, non só as voces, senón tamén os produtores. Cada artista que participa ten un estilo diferente. Andrés Suárez vén máis do mundo dos cantautores, Iván Ferreiro é máis rock, Tanxugueiras son pandeireteiras... Os colaboradores galegos de C. Tangana son mestres do trap, son rapaces de menos de 30 anos e con eles estamos explorando esa conexión entre o trap e a muiñeira. Precisamente estamos a preparar un documental sobre a muiñeira e o trap. O feito de ter non só voces senón tamén creadores de músicas urbanas é moi enriquecedor, xente moi interesante que aporta unha visión nova para a música tradicional. Xente que sabe que para facer algo novo hai que beber das raíces.

Este ano trouxo ese concepto de concertos para pouquiña xente en Lugares máxicos. Como os viviu?

Aprendino en xiras polo mundo, especialmente en EE. UU. Un día estabamos tocando en California nunha adega de viño duns californianos que de pronto descubrriron que o albariño era o mellor do mundo, e pensamos "que raios facemos nós con estes californianos vendéndonos a nós o albariño? Temos que facer concertos en lugares especiais que temos en Galicia con historia" e a verdade funcionou tan ben... Ademais para tempos de pandemia eran perfectos. Xa nolos están pedindo para Francia. 

Como vive esta época tan complicada e que mantivo aos músicos tamén sen poder actuar, ou despois con máscara e distancia?

Durante o peor da pandemia pensei en Pontevedra todos os días. Pecheime para rematar un traballo que levaba trinta anos facendo: as transcricións do repetorio de Ricardo Portela. Coñecino con 13 anos, ensinoume moito e cando eu tiña 18 anos pediume que lle transcribise o repertorio con todos os adornos e os segredos técnicos. Iso foi un reto dificilísimo. Calculei que foron 30.000 notas, levaba desde os 18 anos traballando nisto e non tiña tempo para rematalo. Cando chegou o confinamento pensei: esta é a miña. Pecheime, rematei e doeino ao Consello da Cultura Galega, que o lanzou online gratis para todos os gaiteiros que o queiran e fixo unha edición de luxo en libro. De feito, no concerto de Pontevedra imos facer unha homenaxe para Ricardo Portela.

Contaba nunha entrevista hai quince anos que se inspiraba e compoñía en metade da ría de Vigo, nunha barquiña. Onde compón agora?

A miña musa segue a ser o mar. Serviume incluso para a miña técnica de gaiteiro. Un dos meus segredos é practicar no mar, a fricción na auga, se entrenas na auga, despois, cando xa non tes esa resistencia, os nenos voan. Eu son gaiteiro de ría, as rías teñen todo un xeito de ser. Marcan unha filosofía na creación, aínda que cada vez valoro máis a xente do interior e os seus valores. Sempre digo que cada ría galega ten un carácter diferente na música. A de Vigo é a máis americana,a influencia dos barcos, a música cubana, notouse moitísimo na música dos gaiteiros. A de Pontevedra é máis ‘british’, é na ría na que a música de gaita soa máis a música celta. Creo que hai varias razóns. Pontevedra foi como unha burbulla no tempo. O feito de que estivese toda esa xeración de pontevedreses como Casto Sampedro, Filgueira Valverde... e en xeral o Museo de Pontevedra ten moito que ver. A tradición segue moi viva. Vigo é máis como Sao Paulo, tende a destruír e construír algo por enriba. En cambio, Pontevedra valora máis as cousas históricas. Son dous proxectos moi diferentes de cidade e iso nótase na súa música. 

"Xuntaremos os instrumentos do Mestre Mateo en Pontevedra e haberá moitas sorpresas"

Catro son os concertos que protagoniza e en Galicia (17 na Coruña, 18 en Pontevedra, 19 en Ferrol e 23 en Vigo). Como serán os concertos?

Van ser totalmente diferentes, no da Coruña faremos o repertorio coas músicas celtas inéditas de Beethoven. Vimos de facer ese repertorio con orquestras sinfónicas en Francia. Porque Beethoven namorou das músicas celta e atlántica. Estaremos cunha pianista marabillosa , Rosalía Gómez Las Heras. E o concerto de Pontevedra será de celebración do novo disco, teremos sorpresas e artistas relacionados coas músicas urbanas. Ademais, levaremos os instrumentos do Mestre Mateo. Nos últimos anos conseguirmos xuntar a orquestra do Pórtico da Gloria tres veces. Tamén faremos un pouquiño de Celtic de Beethoven. Imos ter con nós á superartista de Bretaña Bleuenn le Friec e ao violinista Jom Pilatzke. E faremos unha homenaxe a Paddy, de The Chieftains, que faleceu este ano.

Comentarios