Pontevedra quere ser "cidade lorquiana"

Polo Correo do Vento e Alvarellos programan esta semana, en colaboración co Museo, unha serie de actividades que lembrarán a estancia de Federico García Lorca na capital da provincia

Debuxo de Lorca realizado por Polo Correo do Vento - InteriorUnha conferencia, unha proxección audiovisual, contacontos e un roteiro compoñen a homenaxe que a cidade lle realizará esta semana a Federico García Lorca. "Porque Pontevedra quere ser unha cidade lorquiana", explican Carlos Taboada e Kike Mauricio, os compoñentes de Polo Correo do Vento.

O dúo de autores pontevedreses está detrás desta iniciativa que se suma á proposta do editor Henrique Alvarellos para converter o 25 de outubro no Día de Lorca en Galicia e conmemorar desta maneira as visitas do poeta granadino ao territorio galego, catro en total. Na primeira viaxe, en 1916, chegou o 25 de outubro, de aí a efeméride.

En Pontevedra estivo en dúas ocasións, ambas no ano 1932. "Por iso consideramos a Pontevedra unha cidade lorquiana, sentímola así", explica Polo Correo do Vento. "A súa vinculación coa cidade é algo do que debemos estar moi orgullosos e algo moi a reivindicar: dende a súa relación con Celestino Poza ou Álvarez Blázquez ata o poema que escribiu no Café Moderno para a revista Cristal pasando pola súa estancia no Méndez Núñez ou pola representación da Barraca [na Praza da Estrela]". Lorca veu a Pontevedra por primeira vez en agosto de 1932 e volveu en novembro dese mesmo ano, nesta última ocasión convidado polo Comité de Cooperación Intelectual, para impartir unha conferencia, no cine Coliseum, sobre a pintora cubista María Blanchard. "A maiores, lembrar a estancia de Lorca en Galicia permítenos achegarnos en profundidade aos anos 30 en Pontevedra, dunha especial relevancia social e cultural".

Programación Museo de PontevedraAUDIOVISUAL. Seis colexios participarán nas distintas actividades para escolares que Polo Correo do Vento desenvolverá dende este martes ata o venres dentro da programación de Pontevedra, cidade lorquiana. Para o público en xeral, as propostas comezarán o xoves 24 de outubro (19.30 horas), cunha conferencia de Henrique Alvarellos, que estará acompañado por Ramón Rozas, e coa proxección dunha minipelícula na que se pode ver a Lorca en Galicia. "Trátase dun film que se rodou durante unha representación da Barraca e que foi descuberto na Filmoteca de Valencia", explican Taboada e Mauricio. "Son once minutos dun documento histórico, que ata agora apenas se proxectou".

O outro prato forte da programación é o roteiro que se realizará o sábado 26 de outubro (13.00 horas) por distintos espazos de Pontevedra ligados ao autor andaluz. "Sairemos do Museo e remataremos na Praza de San Xosé, fronte ao Moderno". Pasará tamén pola Praza da Verdura, a Praza da Ferrería, a Rúa García Camba e a Praza de Galicia. Este percorrido terá lugar despois dun contacontos ilustrado para nenos no que se recitarán os Seis poemas galegos (12.00 horas).

Todas as actividades serán abertas ao público e de balde.

"A decisión de García Lorca de escribir en galego e confesarse poeta galego converteuno, en vida e ata hoxe, no gran embaixador da cultura e da lingua galegas polo mundo", destacou Henrique Alvarellos, este luns, en Pontevedra, en palabras facilitadas pola Deputación Provincial. "Na conferencia no Museo falarei desta fonda relación e da ofrenda para a nosa lingua e cultura que constitúen os Seis poemas galegos".

Alvarellos leva tempo estudando e documentando a estancia de Lorca en Galicia. Froito dese traballo, entre outras cousas, é a publicación de dous títulos. "Levo varios anos investigando esta relación, esta empatía de Lorca con nós, e publiquei o resultado ata agora en dous libros, El gran viaje de estudios de García Lorca e a edición facsimilar e ilustrada dos Seis poemas galegos".

Comentarios