A pontevedresa Kalandraka celebra 20 anos convertida na editorial galega con maior proxección internacional

Aproveitando o aniversario, Xosé Ballesteros avanzou algunhas novidades que lanzará á rúa nos próximos días

Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A editorial pontevedresa Kalandraka cumpre o 2 de abril, Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, 20 anos de vida e faino convertida no selo galego que conta cunha maior proxección internacional. Segundo lembra a propia editorial, que creou en 1998 en Pontevedra un grupo de persoas vinculadas ao mundo do ensino, a celebración chégalle posicionada entre as cen primeiras empresas do sector editorial a nivel estatal (posto 82), sendo a primeira galega en volume de facturación, como recollen medios especializados como eleconomista.es.

"Con máis dun milleiro de títulos vivos nos seus catálogos en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano, o selo pontevedrés acadou recentemente que o seu long-seller A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, se situase entre as dez obras máis vendidas na plataforma todostuslibros.com, da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros", explica Kalandraka nunha nota remitida aos medios de comunicación.

O selo, que acumula máis dunha ducia de premios nacionais, entre os que ten de edición e ilustración, é a única galega que gañou o Premio Nacional á Labor Editorial (2012), a máxima distinción que pode recibir unha empresa do sector en España.

Recén concluída a súa participación na 55ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, cun stand propio que foi visitado  por centos de persoas e profesionais, Kalandraka pon en marcha a XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, que se prolongará durante todo o mes de abril na Galería Sargadelos. Ademais, co Departamento de Educación e Cidadanía do Concello compostelán vén de convocar a XIª edición do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Aproveitando o aniversario, a editorial dirixida por Xosé Ballesteros tamén avanzou algunhas novidades que lanzará á rúa nos próximos días. Entre elas está Elmer, do británico David McKee, no 30º aniversario da creación do personaxe e Cara de velocidade, de Marga Tojo, que gañou o Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos.

Comentarios