O Premio María Victoria Moreno manterá aberto o seu prazo ata o 30 de xuño

Os orixinais non poderán superar os 250.000 caracteres
Luz Gallego, Carme Fouces e Andrea Jamardo. SALÓN DO LIBRO
photo_camera Luz Gallego, Carme Fouces e Andrea Jamardo. SALÓN DO LIBRO

Ábreseeste sábado o prazo de recepción de orixinais para o IV Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno, que convoca o Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Cuarto de Inverno e que foi presentado onte dentro do Salón do Libro de Pontevedra. Poderán enviarse obras ata o 30 de xuño.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces; Andrea Jamardo, de Cuarto de Inverno, e a libreira Luz Gallego, membro do xurado, foron as encargadas de presentar esta nova edición dun galardón "que aposta pola literatura xuvenil de xeito específico, algo non tan habitual, porque ou case non se lle presta atención ou se agrupa coa infantil", sinalou Carme Fouces. "Sen embargo, nós estamos moi contentas de ter convocado desta maneira este certame, que está publicando unhas obras de grandísima calidade". 

Andrea Jamardo animou aos autores a enviar orixinais. "Teñen dous meses para facelo", lembrou. "Cada ano recibimos un maior feedback e iso é algo que nos agrada, porque dende a editorial poñemos especial atención en coidar o libro que se publica, algo que pensamos que lle gustaría á propia María Victoria". 

Luz Gallego, da librería Seijas, contou que, a pesar da súa experiencia de máis de 30 anos como libreira, o premio María Victoria Moreno supuxo o seu debut como membro dun xurado. "Estreeime con María Victoria Moreno, algo moi especial para min, porque ela foi a miña mestra, a miña veciña e a miña amiga persoal", dixo. "E foi moi especial tamén porque quedei sorprendida da calidade literaria dos orixinais. As propostas que chegaron eran dunha calidade altísima". 

BASES
Extensión: máximo 250.000 caracteres. 
Presentación: en PDF, gravado nun CD ou nunha memoria externa. Letra Times e corpo 12 a dobre espazo.
Prazo: do día 1 de maio ao día 30 de xuño; entrega no Pazo da Cultura.
Xurado: composto por un representante da familia de María Victoria Moreno, un do Concello e outro do selo.
Fallo: en setembro.
Dotación: 4.000 euros. 

Comentarios