A Banda da Loba na categoría de pop e os vigueses Moon Cresta na de rock foron dous dos galardoados nos Premios Martín Códax da Música Galega, que se entregaron este mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra e que tamén recoñeceron aos buenenses The Skarnivals, na categoría de reggae e ska. "Coidemos da nosa música, pero tamén da nosa cultura e da nosa lingua, que son un tesouro", dixeron.
A moañesa Wöyza, no apartado de músicas urbanas, e o redondelán Alberto Vilas, no de música clásica e contemporánea, tamén foron premiados. Igual que MJ Pérez como cantautora, Brais Morán polo seu proxecto de blues e funk e Allova polo seu de electrónica.
A gala, que se retransmitiu en directo on-line e que contou coa dirección artística de Marcos PTT Carballido, que tamén exerceu de presentador, serviu para galardoar a N.E.O na categoría de metal; María Toro na de jazz; Paco Nogueiras na de infantil –que tivo unha mención especial para a editorial pontevedresa Kalandraka, coa que publica a súa obra, e lanzou un "viva a música miúda!"–; Bafana Bafana na de verbena; o Coro da Ra –que tiña a algunhas das súas integrantes no octeto vocal que se encargou da música ao vivo no Pazo da Cultura– na de agrupación coral; Caamaño & Ameixeiras na de folk, e a Banda de Chantada na de banda de música.
O sector aproveitou a noite para apostar pola superación da pandemia "como oportunidade para dignificar a profesión"
PEDRO LAMAS. Un dos triunfadores da noite foi Pedro Lamas, que viu recoñecidos dous proxectos nos que participa: o que ten con Xurxo Fernandes, no apartado de música tradicional, e o de Lamas, De Miguel, Romero, no de músicas do mundo.
Os Martín Códax entregaron, como acostuman, tres premios especiais, denominados Organistrum, que nesta ocasión recaeron en Mardi Gras, da Coruña, como mellor sala; no Jazz da Ría, de Narón, como mellor festival, e no programa radiofónico Recanto do Corcovado, como mellor proxecto musical.
O premio honorífico, o único xa anunciado anteriormente, foi para o produtor, compositor e técnico de son de Forcarei Pablo Barreiro, que foi mencionado por varios dos galardoados e que recibiu unha das ovacións da noite.
Como é habitual, a entrega dos premios foi aproveitado polo sector para reivindicarse. As referencias aos problemas derivados da pandemia e das restricións foron constantes.
O produtor, compositor e técnico de son de Forcarei Pablo Barreiro recibiu o premio honorífico e unha das ovacións da noite
"A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión", apuntou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, asociación organizadora da gala. "Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar".
Máis de 400 proxectos musicais inscribíronse nesta oitava edición dos premios.