Flocos.tv estrea a primeira longametraxe galega na rede, 'Cartas italianas'

Flocos.tv estreará este venres pola noite 'Cartas italianas', a primeira longametraxe galega que se pode ver íntegra en Internet. Trátase do terceiro filme do director pontevedrés Mario Iglesias, ao que o cineclub do audiovisual galego na Rede lle dedica un ciclo esta fin de semana.

É a primeira vez que unha longametraxe galega utiliza Internet como plataforma de lanzamento ofrecendo a súa visión íntegra. 'Cartas italianas' foi rodada en tan só quince días no verán do 2007 na illa da Palma en Canarias, cun orzamento modesto e sen ningún apoio oficial na súa produción, agás o do Festivalito da Palma. O filme foi seleccionado xa en numerosos festivais.

Narra o encontro entre dous mundos opostos, desde unha perspectiva poética e intimista. Por unha banda está o mundo de Eloísa, fotógrafa italiana que recala na Palma. E por outra está o mundo de Atilano, un camelo galego que vai parar á illa coa intención de abrir mercado para a cocaína coa que trafica. No transcurso do filme, vanse entrelazando historias da vida cotiá de múltiples personaxes. O filme foi rodado en italiano, castelán e galego.

Acompañan o ciclo outros traballos de Mario Iglesias, como a curta 'Expertos', pertencente á longametraxe 'De bares', e os teasers e trailers doutras longametraxes como 'Catalina', 'Relatos' e 'O almorzo do poeta'.

Mario Iglesias dirixiu cinco longametraxes nos últimos tres anos, amosando unha incesante pulsión creativa por narrar historias en imaxes e cun estilo moi persoal e brillante que o singulariza dentro do contexto do audiovisual galego. A súa curtametraxe 'Nais' foi unha das máis premiadas do ano 2006. Actualmente está a desenvolver a súa sexta longametraxe, 'O home que tiña soños chineses'.

Comentarios