Sete espectáculos pasarán polo Pazo da Cultura ao longo da próxima tempada de teatro. Entre os meses de maio e novembro, pisarán as táboas de Pontevedra actores da talla de Gonzalo de Castro, Tristán Ulloa, Alicia Borrachero, Javier Gutiérrez ou Cristina Castaño.
A nova programación teatral pretende achegar á Boa Vila o mellor do teatro nacional mediante a participación no programa INAEM-Platea. A escolma está composta por un único espectáculo de danza, "Growing young", que se representará o 4 de outubro deste ano a cargo da compañía Dantzaz. As outras seis pezas que compoñen o programa son de carácter teatral.
Deste xeito, a primeira representación terá lugar o 10 de maio a cargo de Javier Gutiérrez e Cristina Castaño baixo a dirección de Sébastien Thiéry na obra ¿Quién es el señor Schmitt?. A peza comeza cunha chamada telefónica á casa dos Carneiro, representados polos citados autores, na que alguén pregunta polo señor Schmitt. Unha serie de acontecementos misteriosos mudarán o fogar da familia.
Tras un parón de verán, a próxima cita será o 27 de setembro coa representación de Cicerón, unha obra na que José María Pou se pon na pel do pensador, cun texto de Ernesto Caballero dirixido por Mario Gas.
O 4 de outubro será a quenda da única peza de danza do programa, a xa mencionada Growing young, e o 20 de outubro porase en escena El precio, unha obra que reflexiona sobre o pasado e as relacións familiares. Os encargados de encarnar aos protagonistas son Tristán Ulloa e Gonzalo de Castro, que representan a dous irmáns. Silvia Munt é a directora da obra.
O 25 de outubro chegará a Pontevedra a traxicomedia Play off, con Cristine Bertol e Neus Cortés nun elenco dirixido por José Luis Arellano. Xa en novembro, o día 15, representarase Perfectos desconocidos, con actrices como Alicia Borrachero entre o seu reparto. A peza representa un encontro de amigos no que saen a relucir segredos dos asistentes á cita. Está dirixida por Jesús Címero.
Por último, o 22 de novembro será o día de poñer en escena a adaptación teatral da novela de Agatha Christie Muerte en el Nilo. Trátase dunha historia de amor obsesivo representada polos actores Pablo Puyol e Adriana Torrebejano baixo a dirección de Víctor Conde.
As entradas estarán á venda anticipadamente a partir da xornada de hoxe en Ataquilla.com e na Casa da Luz. O formato de venda é individual a un prezo de 20 euros. Hai descontos especiais para determinados colectivos, de xeito que as entradas custarán 18 euros para estudantes, parados e xubilados. Do mesmo xeito, é posible adquirir un abono para todo o ciclo por 110 euros (100 para os colectivos con desconto. No caso do espectáculo de danza, o prezo das entradas será de 12 euros a entrada normal e dez euros a reducida. As pezas representaranse ás 21 horas.