¿Quen roubaría a Virxe Peregrina?

O escritor Rober H. L. Cagiao traslada a Pontevedra a sexta entrega da saga 'El guardián de las flores', protagonizada pola comisaria Paola Gómez
'La virgen de la Peregrina', de Rober H. L. Cagiao

O roubo da mesmísima figura da Virxe Peregrina de Pontevedra vén de ser novelado polo escritor coruñés Rober H. L. Cagiao na súa última novela, titulada precisamente desta maneira, La Virgen Peregrina e autopublicada a través do selo Círculo Rojo. Pontevedra é o espazo no que transcorre esta historia, a sexta dunha saga titulada El guardián de las flores, que ten como protagonista á comisaria Paola Gómez.

Cagiao, que acaba de presentar o seu novo título na librería Couceiro da Coruña, recupera nesta obra algúns dos personaxes que xa coñecen os seus lectores. Así explica a editorial o argumento: "En plenas Fiestas de la Peregrina, en Pontevedra, la Virgen desaparece de su templo. Y con su robo han dejado una clara advertencia escrita en sangre: Paola Gómez, es tu hora". E segue: "La comisaria y todo el equipo se desplazan a la ciudad del Lérez en busca de respuestas. ¿Quién ha robado la Virgen? ¿Con qué oscura intención?".

A personaxes xa coñecidos polos lectores como Michel, o autor incorpora nesta novela novos protagonistas como a comisaria Rocío Castelo. Xuntos intentarán descifrar quen está detrás dos acontecementos de Pontevedra, incluído o roubo dunha xoiería e unha serie de accidentes de tráfico.

COMBARRO. Segundo informa a editorial, a Praza da Leña, as Ruínas de San Domingos, a illa de Tambo e Combarro son algúns dos escenarios nos que transcorre a acción da historia de La Virgen Peregrina.

Círculo Rojo tamén explica que a saga de Cagiao vendeu máis de 25.000 exemplares e que proximamente estará dispoñible en audiolibro a través da plataforma Storytell.

Rober H.L. Cagiao naceu en Bañobre en 1976. "Mis primeros años los dediqué a la música, con Trashnos, pero pronto la vida me engulló", explica sobre si mesmo o autor. "Tras una lesión y un período largo de inmovilismo, comencé a escribir la saga de El guardián de las flores".

A primeira desta serie de novelas, galardoada co premio Círculo Rojo á mellor novela de misterio, contaba como Paola Gómez, a inspectora protagonista, tiña que viaxar desde Madrid ata Galicia para investigar un dobre caso: o do cadáver dun home que aparece na igrexa de Iria Flavia e o da desaparición da súa filla. Todo antes da inauguración dun Xacobeo.

La Virgen Peregrina será un dos últimos títulos desta saga policiaca que naceu en 2019 coa obra que lle deu título á serie, El guardián de las flores, e continuou con La piedra del destino, El asesino del Camino Norte, La ley del pueblo e Cuadernos Azabache.

Comentarios