Quique González regresa a Pontevedra para abrir o ciclo Voices do ano que vén

O cantautor presentará o seu novo traballo, 'Las palabras vividas', o 25 de xaneiro no Pazo da Cultura
Quique González, durante un concierto. ADP
photo_camera Quique González, durante un concierto. ADP

O cantautor madrileño Quique González abrirá o ciclo Voices do ano que vén en Pontevedra. Ofrecerá un concerto o 25 de xaneiro (21.00 horas) no Pazo da Cultura no que presentará o seu novo traballo, Las palabras vividas, un proxecto que desenvolveu xunto ao seu amigo, o poeta Luis García Montero.

González encargouse de musicar unha serie de versos escritos ex profeso polo autor granadino para este disco. As entradas para a actuación (19 euros máis gastos de xestión) poñeranse á venda o mércores 11 de decembro en www.ataquilla.com.

"La palabras vividas é unha obra inusual, na que Quique González se enfronta quizais a un dos maiores retos da súa carreira, o de asumir como propia a voz do seu amigo Luis García Montero que, á súa vez, cede o seu corazón poético para que palpite no peito do músico", explican as promotoras do ciclo Art Music e i-Radia Crea. Por 'Voices' foron pasando noutras edicións Jane Birkin, James Rhodes, Morcheeba ou The Divine Comedy.

Ademais de pasar polo festival PortAmérica en 2017, Quique González estivo en Pontevedra, no Teatro Principal, en 2015, coa súa xira Carta blanca, na que cambiaba o repertorio cada noite en función do público.

Comentarios