A revolución segundo Marina Colasanti ou Roger Mello

O II Congreso de Mediación Lectora, que se celebrará entre o 27 e o 30 de marzo, contará con autores brasileiros, portugueses e africanos

Eulallia Agrelo (esquerda) e Carme Fouces, co cartel do Salón do Liubro. CONCELLO
photo_camera Eulallia Agrelo (esquerda) e Carme Fouces, co cartel do Salón do Liubro. CONCELLO

O Congreso de Mediación Lectora de Pontevedra medra. O evento, que celebra este ano a súa segunda edición enmarcado na programación do Salón do Libro, pasa de tres a catro días; convoca a autores recoñecidos de países como Brasil, Angola ou Portugal, e aspira a cubrir rapidamente as 150 prazas que ofrece. Conferencias, mesas redondas, obradoiros, presentacións literarias e música conforman esta programación, que foi presentada este mércores pola docente e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo, e pola concelleira de Cultura, Carme Fouces. "Pontevedra non só volverá ser a capital da literatura infantil e xuvenil durante uns días, senón que irradiará cara o mundo a súa cultura poñendo en diálogo o propio e o alleo", explicou Agrelo.

"Había necesidade de crear un foro coma este, sabiámolo e confirmóunolo o éxito que tivo a proposta o ano pasado", contou Fouces. "O vixésimo aniversario do Salón do Libro ben merece un congreso de primeiras figuras. Isto é moito máis que unha sucesión de relatorios".

Os dous eixes do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a revolución como tema e a literatura lusófona como convidada marcarán o desenvolvemento do Congreso de Mediación Lectora, que se celebrará no Pazo da Cultura entre o 27 e o 30 de marzo. Dirixido a todo tipo de mediadores, dende docentes ata bibliotecarios pasando por libreiros, o evento abrirá o seu prazo de inscricións o 11 de marzo.

PREMIOS. Entre os convidados do evento deste ano destaca a presenza do gañador do Premio Hans Christian Andersen de ilustración (2014), o brasileiro Roger Mello, ou a gañadora do Premio Nacional de Ilustración de Portugal (2009) Ana Biscaia. O primeiro manterá unha conversa co debuxante galego Xosé Cobas, mentres que a segunda participará nunha mesa redonda titulada A revolución do álbum ilustrado, na que tamén estará representada a editorial pontevedresa Kalandraka.

Outros nomes destacados da programación son os da brasileira Marina Colasanti, que impartirá a conferencia inaugural (A lectura como revolución), e do angolano Zetho Cunha Gonçalces, encargado da de clausura (África conta!). Ademais, os galegos Rosa Aneiros e Carlos Negro manterán un encontro coa portuguesa Ana Pessoa para falar "sobre como remover conciencias dende a literatura", e Su Garrido ofrecerá un concerto "con pezas interpretadas nas distintas linguas da lusofonía".

As novas tecnoloxías e as novas formas de lectura serán unha das cuestións clave do congreso. "Cada vez lemos máis, pero a calidade da nosa lectura devalúase", comentou Eulalia Agrelo. "Así que cada vez é máis complicado establecer un itinerario de cara á formación de lectores competentes".

Comentarios