O Salón do Libro aspira a invadir toda Pontevedra

Unha delegación de 23 convidados da literatura lusófona visitará a cidade durante o evento ▶João Afonso ofrecerá un concerto como parte da programación ▶A comunidade brasileira involucrarase na proposta a través de Gustavo Almedia, Sérgio Tannus e Amelia Andrade

A concelleira Carme Fouces xunto a unha imaxe da web onde se ven os autores convidados. GONZALO GARCÍA - Salón do Libro
photo_camera A concelleira Carme Fouces xunto a unha imaxe da web onde se ven os autores convidados. GONZALO GARCÍA

"Queremos que este desembarco lusófono sexa unha revolución", dixo Eva Mejuto. "Seguimos coa idea de invadilo todo, de encher a cidade en todos os aspectos, de gozar dunha experiencia interesante tanto para nós como para a cultura convidada". A coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra presentou este luns, xunto á concelleira de Cultura, Carme Fouces, o groso da programación do evento relacionada coa cultura convidada deste ano, o do XX aniversario, que é a lusófona. Unha delegación de 23 escritores, ilustradores e mediadores de lectura, fundamentalmente de Brasil e Portugal, protagonizarán as distintas propostas, entre outras: charlas, obradoiros, exposicións e recitais. Segundo avanzou Fouces, o embaixador de Brasil en España, Pompeu Andreucci Neto, participará na inauguración do evento.

ℹ Saber máis
Información completa do Salón do Libro: www.salondolibro.gal

A escritora Marina Colasanti; os ilustradores André Neves, Ana Biscaia, Afonso Cruz e Roger Mello; a narradora Benita Prieto e o mediador Volnei Canónica son algúns dos convidados do Salón, que se celebrará entre o 22 de marzo e o 12 de abril e que volve apostar por levar a súa programación máis alá do Pazo da Cultura. Así, o Museo de Pontevedra, o cineclub da cidade, as librerías e os locais de hostalaría volverán implicarse a través de distintas propostas.

O Sexto Edificio do Museo repite como sede da exposición central do Salón. Desta vez trátase dunha retrospectiva que repasa o traballo dos ilustradores portugueses máis importantes dos últimos 40 anos. Motim. Movimento de ilustração portuguesa é o título desta mostra, que se une ao resto oferta expostiva en distintos espazos por concretar: Carvoeirinhos, de Roger Mello; Voar, de André Neves; Clube Mediterráneo, de Ana Biscaia, e Portuguesas con M grande, de Cátia Vidinhas.

Polo que se refire á colaboración do Salón do Libro co Cineclub Pontevedra, servirá para que se poidan ver dúas películas: o multipremiado film de animación O menino e o mundo, de Alê Abreu, e o documental Mulleres da Raia, de Diana Gonçalves. Esta última directora visitará a cidade para participar nun cinefórum.

PESSOA PARA BEBÉS. Entre as actividades máis curiosas que o evento está preparando e que Eva Mejuto avanzou este luns están un concerto do cantautor portugués João Afonso (neto de Zeca Afonso); un espectáculo para bebés baseado na poesía de Pessoa e algunhas das propostas que a comunidade brasileira de Pontevedra ofrecerá dentro da programación. Entre outras cousas, o cantautor Gustavo Almeida realizará un obradoiro de música e cancións para nenos; Sérgio Tannus protagonizará unha actuación; o editor Wladimir Vaz falará da escrita e da publicación hoxe, e Amelia Andrade impartirá un obradoiro gastro-literario "que relacionará cociña para crianzas con obras literarias da lusofonía".

Precisamente, como xa pasara o ano pasado con México, a gastronomía estará presente no Salón, no só a través da colaboración cos locais de hostalaría da cidade, senón tamén coa instalación dunha cantina.

Outros espazos

Librerías

As librerías acollerán actividades polo Salón do Libro. OLGA FERNÁNDEZ

As librerías Paz, Seijas e Luna Nueva acollerán actividades e venderán volumes da literatura convidada.

Hostalaría

Máis de 60 establecementos de hostalaría ofrecerán gastronomía dos países convidados ao Salón do Libro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Máis de 60 establecementos ofrecerán gastronomía dos países convidados. A Taberna do Jazz e Sopa de Gallo acollerán actuacións.

Museo

O Museo acollerá a exposición Motim. Movimento de ilustraçao portuguesa

O Sexto Edificio volverá acoller unha gran exposición da cultura convidada. Neste caso será 'Motim. Movimento de ilustração portuguesa'.

Cineclub

O cineclub colaborará co Salón do Libro proxectando obras como Mulleres da raia

O cineclub colaborará co Salón proxectando 'O menino e o mundo', Alê Abreu, e 'Mulleres da raia', de Diana Gonçalves.

Comentarios