O Salón do Libro homenaxeará a Marica Campos e a Xosé Cobas

A ilustradora Bea Gregores será a encargada de realizar o cartel do evento de Pontevedra
Bea Gregores (esquerda) xunto a Carme Fouces. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Bea Gregores (esquerda) xunto a Carme Fouces. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará entre o 12 e o 27 de marzo, que terá a Euskadi como cultura invitada e como lema Con moita arte, segue avanzando contidos. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, contou este mércores que a autora do cartel será a ilustradora Bea Gregores e os autores homenaxeados, Marica Campos e Xosé Cobas.

"O portfolio de Bea Gregores escollémolo entre os 39 recibidos para a edición deste ano", contou a concelleira, que lembrou que se substituíra a convocatoria dun premio internacional de ilustración para escoller o autor do cartel por unha selección directa de portfolios tras recomendalo así a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Fouces lembrou que a autora escollida este ano, nacida en Vigo en 1995, se formara en Belas Artes e acumulaba diversos premios ao seu traballo, entre eles un Xuventude Crea. Ademais estaba consolidando unha traxectoria como ilustradora de literatura infantil e xuvenil. Entre as súas obras máis recentes están: A lavandeira de San Simón (Xerais, 2020), A Caca Cuca (Galaxia, 2021) e Emilia Pardo Bazán (Bululú, 2021).

"Estou moi feliz de ser a encargada de poñerlle imaxe ao Salón do Libro de Pontevedra", dixo a autora, que confesou que xa intentara en varias ocasións realizar este traballo. "Ata que finalmente este ano fun seleccionada. Ademais, nunha edición dedicada á arte e á creatividade, que ten tanto que ver coa miña vida e co meu traballo". Segundo contou, está traballando nun par de ideas nas que quede reflectida unha mestura das distintas artes, "danza, pintura, canto, monicreques...", tal e como lle chegan á cativada a través do Salón do Libro. "Síntome moi afortunada por ser escollida para realizar esta obra".

O salón celebrarase entre o 12 e o 27 de marzo

26 DE MARZO. Sobre a escolla dos homenaxeados, a concelleira de Cultura lembrou que, se ben o Salón sempre estaba atento ás novidades literarias e culturais, non quere deixar de lado a toda a xente que vén traballando dende sempre "pola literatura infantil e xuvenil deste país". Así, este ano, o día 26 de marzo, realizarase unha homenaxe pública a Marica Campo (O Incio, Lugo, 1948) e a Xosé Cobas (Negreira, A Coruña, 1953).

"No ámbito da escrita escollemos a Marica Campo, profesora, divulgadora e feminista, que comezou a publicar a súa obra preto dos anos 90", lembrou Fouces, que tamén explicou que Campos era autora de cancións emblemáticas de Fuxan os Ventos. Do conxunto da obra, destacou títulos como Confesión e morte de María Balteira (Baía, 1996), Pedinche luz prestada (Espiral Maior, 2001) e Nós outras (Chan da pólvora, 2021).

No caso de Xosé Cobas, a concelleira resaltou que se trata de un autor con 220 libros ilustrados e con máis de 30 anos de traxectoria no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Vinculado ao mundo da pintura, dous títulos recentes seus representativos do seu traballo son O pintor cego (Kalandraka, 2020) e O xenio da Cidade do Sal (Xerais, 2021).

Comentarios