viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Sara Vila: "A ficción ofreceume liberdade"

Foto para entrevista a Sara Vila
Sara Vila (As Neves, 1989). GONZALO GARCÍA
Xornalista do Diario de Pontevedra dende 2012, a súa primeira novela recibiu o Premio Illa Nova. O día 13 preséntaa en Vigo

"Penso que os segredos teñen data de caducidade" é a primeira frase da súa novela Oito días sen Eva Cortes (Galaxia, 2021). Pensa que os segredos teñen as patas curtas como as mentiras?

Algo semellante. Penso que ao final acaban saíndo á luz. Sen facer spoiler, na historia desta novela tamén pasa. Aquí reflexiono sobre como a nosa privacidade moitas veces se expón sen que teñamos control sobre ela. Calquera se dá conta de como nas redes sociais se expoñen as nosas emocións e todo o que nos pasa. Como nun escaparate, que é o que son Facebook ou Instagram. Pero tamén quería reflexionar sobre como a intimidade dunha vítima, neste caso dunha persoa desaparecida, acaba exposta nas televisións e nos periódicos sen que se poida controlar.

Vostede é xornalista igual que a protagonista da súa historia, Antía Ubeira. Canto de si mesma lle prestou á personaxe?

Presteille moito de min e de moitas persoas que coñezo na profesión. Como calquera outro oficio temos as nosas miserias. Cando as poñemos en común saen moitas cousas que están en Antía. Algunhas son de min e outras de moitas outras compañeiras. Aínda estes días, falando con xornalistas que estamos facendo un curso de igualdade do Colexio de Xornalistas, escoitei cousas que lle pasaran no traballo, que a min en concreto nunca me pasaron, pero si a Antía. Así que non fun moi desencamiñada.

Hai na novela unha crítica clara a algunhas prácticas xornalísticas e ao ‘amarillismo’.

E aparecen todos eses dilemas aos que os xornalistas, que ao final non deixamos de ser obreiros dos medios de comunicación, nos enfrontamos día a día. Somos os que poñemos a firma e a cara, pero detrás de nós hai moitas presións. Por vender periódicos e agora mesmo por conseguir o clic. Aí está iso que se chama clickbait [anzol, contido de carácter sensacionalista ou enganoso que se move por internet coa intención de captar a atención do lector e que entre na páxina en cuestión e así contribuír a aumentar os seus ingresos publicitarios]. Estamos sometidos a moitas tensións que nos xeran inseguridades, frustración... Hai que ir lidiando con isto ao tempo que se trata de facer ben o traballo, pero é complicado.

Moitas veces identifícase a un xornalista de Sucesos con alguén sen escrúpulos.

O que pasa non ten tanto que ver con non ter escrúpulos como con que moitas veces estamos tan acostumados a unha rutina de traballo que xa pensamos que iso é o correcto. E non é. A cousa é tan fácil como poñernos no lugar da vítima ou da súa familia. Que pasaría se eu fose a desaparecida ou se fose a miña filla ou a miña irmá? Estes detalles que estou dando son de verdade importantes para informar sobre o suceso?

Esta súa si que é unha obra filla da pandemia.

Aínda que esta historia xa a tiña moi pensada. Levaba tempo dándolle voltas a que me gustaría escribir algo arredor da desaparición dunha rapaza nova que levase unha vida libre. O que tiven na pandemia foi tempo para escribila. Deume esa oportunidade. Ao principio contaba unha historia sen falar da pandemia para nada. Despois si que pensei que igual poder facer algunha referencia, incluíndo as máscaras no relato, por exemplo. O contexto no que me tocou escribir acabou por resultarme inspirador, digamos.

É unha das primeiras novelas que se publican en Galicia introducindo os elementos da pandemia na trama. Durante o confinamento, moitos creadores (escritores, artistas, cineastas, etc.) confesáronse incapaces de falar do que pasaba.

Do que eu era incapaz é de non metelo. Porque era algo que estaba pasando. Hai unha parte do libro no que se conta como Antía, que é moi introvertida, ten que ir buscar testemuños pola rúa, que é algo que nos toca facer bastante aos xornalistas, e usa a máscara como escudo. Isto é algo que me pasou a min persoalmente, que tamén son moi tímida. Gustoume compartir esa sensación con ela.

Empézase a ler a novela pensando que se vai enfrontar un thriller, pero non o é.

Iso é algo que me pregunta moita xente: "É un thriller?". Si que se narra a desaparición dunha rapaza, pero non quixen escribir un thriller. Eu o que quería era reflectir a historia dunha muller que desaparece. Así que non lle dei tanta importancia a presentarlle un xogo ao lector para que vaia averiguando que foi o que pasou como en describir todo o proceso arredor da xornalista que segue o caso e que se vai involucrando cada vez máis nel.

Gustaríalle que se lese así a novela, atendendo quizais máis á reflexión social que á investigación da desaparición?

Non, non me importa como se lea. Con que se lea, xa estou contenta. Que cada quen saque as súas conclusións. Non se trata de adoutrinar a ninguén nin de dar clases de nada. Esta é só unha historia sinxela que eu aproveitei para facer crítica e para reflexionar sobre temas que me preocupan.

Que lle ofreceu a ficción que non atopaba no xornalismo?

Ofreceume liberdade. No xornalismo tes que contar o que pasa. Moitas veces nin sequera todo o que pasa, senón o que é o máis importante. Non o que che parece importante a ti, senón o que é importante para os cidadáns. Neste caso puiden poñer o foco no que a min me interesa dentro do que ocorre, da realidade. Ao final, o que conto é algo que podería pasar calquera día. E que desgrazadamente pasa.

Sara Vila: "A ficción ofreceume liberdade"
comentarios