A artista coruñesa Sés actuará este sábado pola noite no festival Canteira Fest, en Vilaboa, no marco do programa da Deputación de Pontevedra vinculado á área de cultura Musigal 2019.
María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, é unha das grandes da música en galego e en feminino, ademais do seu compromiso coa loita das mulleres. No seu último disco, Rabia ao silencio incluíu temas adaptados á lingua galega que marcaron movementos sociais do século XX.
Musigal 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.
Este ano participan no programa da institución provincial máis de cen grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra.
Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que arrancara con 70 inscritos. Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: Son muller, Son crianza, Son mocidade, Son tradición, Son clásico e tamén Son actual.