"A sociedade ten mellor percepción dos xornalistas que nós mesmos"

María Méndez González acaba de converterse na primeira presidenta da APG , á fronte da cal abre unha etapa na que se marca varios retos: mellorar a coordinación e dar apoio aos profesionais dun sector en ocasións algo "individualistas" e que atravesa por momentos de "cambio" e "convulsión"
María Méndez, nada en Brasil, con raíces en Vigo e veciña de Santiago. AGN
photo_camera María Méndez, nada en Brasil, con raíces en Vigo e veciña de Santiago. AGN

MÉNDEZ ASUME un posto que coñece ben, xa que forma parte desde a súa fundación do colectivo que presidía Arturo Maneiro, e ten ás costas unha longa traxectoria profesional nos medios e na comunicación corporativa.

Que significa para vostede esta nova etapa á fronte da APG?

Supón unha enorme responsabilidade porque é a representación dun sector que, a día de hoxe, ten algunhas dificultades. Tratar de visualizar todo isto é unha enorme responsabilidade. Por outra banda, tamén supón unha enorme satisfacción ter o apoio profesional dos teus colegas nun sector tan complexo como este, no que somos tan individualistas e reacios a reunirnos para cousas comúns. O que debemos é tratar de que haxa unha maior cohesión no sector, porque diso dependerán as nosas propostas futuras.

Canto durará o seu mandato?

A duración, por estatutos, en principio é de cinco anos se non hai ningún imprevisto.

Os premios de xornalismo galego Diego Bernal e José Luis Alvite van manterse durante a pandemia

Que retos asume a nova directiva da asociación?

En principio, o maior reto e o fundamental é que a APG continúe a ser esa asociación de referencia dentro dos profesionais da comunidade autónoma; non é tan importante acadar novos obxectivos de inmediato, senón que o que temos agora mesmo siga coa mesma solidez. A partir de aí o que temos que facer é incremenincrementar moito máis a nosa presenza, tratar de falar co resto das represetacións asociativas e colexiadas galegas de tal forma que demos con algún nexo en común que nos poida unir e facer algunha acción conxunta entre todos. O que queremos visibilizar é esa xuntanza de profesionais, tratar de promover algo conxunto.

Vai manter a APG os premios que entrega durante a pandemia?

Si. De feito o venres xa imos celebrar a entrega do Premio Alvite a Siro López. É un galardón que concedemos cada ano e no que recoñecemos a traxectoria dun profesional. Queremos manter por riba de todo os dous certames [o Diego Bernal e o José Luis Alvite] e, desde logo, se facemos o Alvite agora e se non hai ningunha catástrofe intermedia, no mes de xaneiro convocaremos para a entrega do Premio Diego Bernal, tratando de limitar o aforo e, daquela, respectando todas as medidas sanitarias pola pandemia.

Que é o que fai a un xornalista acredor dun premio así?

O que tratamos de galardoar é a traxectoria do ou da profesional, por suposto en función da calidade do seu traballo. Na APG entendemos que, cando levas un longo percorrido, é bo premialo, pero non por unha cuestión de vaidade persoal, senón para que sirva como estímulo de que nesta profesión, cando a traxectoria vital é longa, merece un galardón.

Cal é a situación do gremio xornalístico na actualidade?

A finais do ano pasado parece que se abría unha liña ascendente, respecto a que o desemprego ía baixando no sector xornalístico despois de moitos anos. A desgraza foi que a pandemia trastocouno todo e esa liña caeu abruptamente, como en case todos os sectores socioeconómicos do país. Agora mesmo hai enquisas que din que o que máis preocupa aos xornalistas é a remuneración; está claro que canto máis desemprego haxa máis diminúen os ingresos. Todas as empresas de comunicación viven uns momentos de certa intranquilidade, non se sabe por onde van a ir as preferencias dos consumidores, non sabemos se a prensa escrita se vai manter como ata o de agora, se van prevalecer os medios audiovisuais e dixitais... Estamos nunha etapa de auténtica convulsión. Pero sempre digo que despois destas crises veñen épocas de solidez e consolidación.

Considérase o xornalismo unha profesión prestixiosa?

É curioso que os xornalistas temos peor consideración do que facemos do que logo é a percepción pública. Todas as enquisas feitas por profesionais indican que á hora de que a xente se manifeste sobre o noso colectivo non estamos tan mal vistos. Eu coido que o xornalista é unha peza fundamental no devir da nosa sociedade. É moi importante tratar de estar moi informados sobre o que se vai verter, facer unha revisión individual, comprobar as fontes e tratar de ser ecuánimes. Ademais, é preciso ser comprensivos coa saturación informativa que supón o noso labor.

Que debería mudar?

Na miña opinión, os xornalistas deberían ter unha certa especialización para contar cunha base argumentativa fixa á hora de elaborar as informacións.

Que se sente ao ser a primeira muller ao cargo da APG?

Fun directiva dende o xurdimento da Asociación de Periodistas de Galicia e case a súa única muller. A candidatura amosa que estou polo labor, cunha incorporación de mulleres, pero non sinto que fixera unha conquista enorme. Son unha profesional máis e cheguei aquí porque houbo xente que apostou por min. As mulleres están acadando altos postos pola valía enorme que as caracteriza; están acadando, en si, aqueles postos que lles corresponden.

Comentarios