Sonia Méndez: "Quería facer unha ficción que apelase aos adolescentes galegos"

Unha moza desaparece despois dunha festa na que consume cogomelos alucinóxenos cos seus amigos. A golpe de whatsapps, no medio dun temporal de neve, Sonia Méndez constrúe o seu debut na ficción. Este mércores falou del en Cinexpo
 
A directora, guionista e actriz Sonia Méndez nas salas de Cinexpo en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera A directora, guionista e actriz Sonia Méndez nas salas de Cinexpo en Pontevedra. DAVID FREIRE

Despois de varias curtametraxes, da serie Nada que perder para RTVE Playz e do documental A poeta analfabeta, Sonia Méndez (Vigo, 1980) estrea As Neves, o filme que supón o seu debut na ficción. A directora, guionista e actriz, que pasou parte da súa infancia e adolescencia en Pontevedra, volveu este mércores á cidade para falar da película en Cinexpo. Fíxoo xunto a Irene Rodríguez, moza pontevedresa que interpreta a unha das rapazas do grupo de amigos aos que segue a historia.

As Neves do título da súa película non se refire á localidade pontevedresa de As Neves.
Non, non son As Neves. A miña é unha vila ficticia. Non existe. Rodamos na Fonsagrada, pero o da película é un lugar ficticio. Como Twin Peaks. Aquí, á parte de facer referencia ao nome da vila, tamén o fai ao feito de que neva.

Que, no caso da súa película, é algo moi importante. A climatoloxía é determinante.
Exactamente. 

As Neves é un thriller?
Non, é un drama psicolóxico con tintes de thriller. O que pasa é que a palabra thriller ten moito punch e todo o mundo a utiliza, pero non o é. A parte de thriller que se entrelaza na peripecia da película ten que ver con que desaparece unha rapaza, pero o que realmente importa é como reacciona o seu grupo de amigos ante esa desaparición. O importante é a viaxe emocional que seguen os rapaces ante ese feito e o que teñen ou non teñen que ver con esa desaparición.

A palabra thriller ten moito 'punch' e todo o mundo a utiliza, pero isto non o é. O importante é a viaxe emocional que seguen os rapaces

Escribiuno Ricardo Rosado na crítica de Fotogramas: "Recordemos lo que nos terminó enseñando David Lynch: lo importante no era saber quién mató a Laura Palmer...".
"Sino qué demonios pasaba en Twin Peaks". Iso é.

Para o seu debut na ficción cinematográfica escolleu unha historia protagonizada por adolescentes galegos.
Tiña moita gana de facer unha ficción que os apelase e na que estivesen postos en primeiro termo, porque creo que non existía ningún produto audiovisual que lles fixera xustiza en Galicia. Non tiñan ningún referente propio, todos lles viñan de fóra. Á parte, a adolescencia é unha época vital que a min me resulta moi interesante para narrativa audiovisual porque é o momento no que se viven moitas emocións por primeira vez, hai moita confusión, pero tamén moita exaltación... Logo xerábame moita curiosidade este contraste entre os mundos máis tecnolóxicos e dixitais e os mundos máis naturais e illados. Así que nesta opera prima, que tardamos cinco anos en levantar, hai varios asuntos que me interesaba moito tratar.

Apetecíame facerlle xustiza á rapazada que non pertence a núcleos urbano. O urbano está xa moi representado

¿Ambientar a historia no rural era algo que tivo claro entón dende o principio? 
Si, a historia sempre estivo ambientada nun ámbito afastado do urbano. Unha, porque me apetecía facerlle xustiza a esta rapazada que non pertence a núcleos urbano. O urbano está xa moi representado. E outra, porque cando o rural se representa sempre se fai dunha maneira... como diría...

Estereotipada quizais?
Folclórica pode ser a palabra. E eu non debería ser así. Entre outras cousas porque en Galicia está moi preto do urbano cando non directamente mesturado. De feito, en Galicia o que hai son vilas, unha cousa a medio camiño entre as aldeas e as cidades. Vivindo no centro da Coruña, tes o rural a cinco quilómetros. Aquí todo o mundo ten unha aldea. Despois está o feito de que a rapazada que habita eses espazos, aínda que é bastante diferente da que habita no urbano, está moi conectada co resto do mundo a través da tecnoloxía dixital e das redes sociais. Poden ser igual de modernos que calquera rapaz dunha cidade. No fondo teñen as mesmas inquedanzas e as mesmas problemáticas. Cambia só a contorna na que medran. Hoxe en día mesmo pode sentirse menos illado un rapaz que vive nunha montaña que un que vive nunha cidade. En definitiva, a min apetecíame moito facer o retrato dos rapaces destes lugares. 

A pontevedresa Irene Rodríguez, que é unha das actrices dese grupo de amigos, saíu dun casting. O resto tamén? Como deu con este grupo de mozos e mozas?
Todos saíron dun casting. E son os que sosteñen a película todo o tempo. 

E como foi que acabou involucrándose o británico Andy Bell na música da película?
Eu era moi fan de Andy Bell. Había un tema del que me inspiraba moito, Lifeline, que é o tema dos títulos de crédito en versión acústica. Eu seguíao tanto en solitario como na súa época en Ride como, por suposto, en Oasis. E o que pasou foi que lle escribín un mail o día antes de empezar a rodaxe e contestoume. Interesouse no proxecto porque el tiña gana de facer unha banda sonora. Mandeille o guión, gustoulle e así acabou involucrado en As Neves. Invitámolo a vir a Galicia a traballar nun estudio de aquí na banda sonora e finalmente foi o que pasou, veu e fíxoa. O resultado para min é espectacular.

Comentarios