Unha alumna rusa crea un blog promocional do turismo gastronómico en Lugo

Unha alumna de nacionalidade rusa, Yana Nagaytseva, traballou nos últimos meses na área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo na realización dun estudo sobre a evolución do turismo gastronómico nesta provincia e puxo en marcha un blog para promocionar este tipo de visitas ás comarcas lucenses.

Segundo informou a área de Cultura da entidade, esta alumna do Campus de Lugo, natural de Moscova, estivo a realizar as súas prácticas na institución provincial durante os dous últimos meses e medio, no marco da colaboración establecida entre este organismo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), concretamente a través da Escola Politécnica Superior.

Durante a súa estancia na Deputación, Yana Nagaytseva contactou con entidades públicas e privadas para elaborar unha base de datos de destinos turístico-gastronómicos "interesantes" na provincia de Lugo, que foron distribuídos en dous xeodestinos, diferenciados polas súas peculiaridades culinarias.

O contido do blog, que pode consultarse a través da web www.lugoterra.com, está dispoñible en ruso e, ademais da súa difusión a través das redes sociais, Yana encargouse de dalo a coñecer entre as oficinas de turismo da súa cidade.

Comentarios