domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Vinte e tres concertos gratuítos para o San Froilán

O Concello de Lugo editou 60.000 exemplares do programa das festas de San Froilán, que este xoves foi presentado pola concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo. O cartel das patronais lucenses inclúe 24 concertos, a actuación de 11 orquestras e catro sesións de fogos artificiais, que poderán verse desde o adarve da Muralla romana, entre as portas de Bispo Odoario e Bispo Aguirre.

Burgo cualificou o programa como “ambicioso e completo”. Ofrece 23 concertos gratuítos, entre os que figuran os de Pesdelán e Julieta Venegas, o 4 de outubro); Luar na Lubre e Dover, o 5; Conchita e Os Suaves, o 6; Diego el Cigala e The Cabriolets , o 7; Pedro Guerra e Violadores del Verso', o 8; Tirri Tarra', o 9; Facto Delafé e as flores azuis e Pastora, o 10; así como Def con dos, The Ellas e Miguel Costas con Germán Copini, o 11. O cartel será pechado pola actuación de Melendi, o día 12.


O único concerto de pago será o que ofrecerá El Canto del Loco o sábado, día 11, no Pazo de Feiras e Congresos, cuxas entradas xa están á venda por un prezo de 28 euros. Das 2.000 localidades dispoñibles, vendéronse unhas 900.

Ademais, a responsable de Cultura confirmou que tamén actuarán entre o 9 e o 10 de outubro sete grupos locais: Psicolepsia, Holly Water, Kimuru, Kentokai, Batital, Safari Orquestra e Doctor Zhimus.

San Froilanciño
Como en anos anteriores, os máis pequenos terán a súa propia programación festiva: o San Froilanciño. O Concello instalará dúas carpas no patio do edificio administrativo municipal, nunha haberá xogos e na outra actuacións para nenos. Abrirán as súas portas o sábado, 4 outubro, ás once da mañá, e haberá actividades todas as tardes e os fins de semana durante todo o día.

As casetas do polbo e as atraccións do recinto feiral comezarán a funcionar este mesmo fin de semana, aínda que o programa de festas non empeza oficialmente ata o próximo 4 de outubro, coa lectura do pregón, que nesta edición corre a cargo de Pablo Bravo Lozano, embaixador do Ano de España en China. As festas pecharanse o 12, co tradicional Domingo dás Mozas, data sinalada para realizar a homenaxe a Rosalía de Castro.

Actividades deportivas
O cartel de San Froilán tamén inclúe 21 citas de 19 modalidades deportivas distintas. Ademais, como novidade, nesta edición foi programada unha exhibición de deporte rural vasco.

Vinte e tres concertos gratuítos para o San Froilán
comentarios