A vida de Rafael Dieste como mergullo nas raíces do noso tempo

O escritor Luís Rei presenta en Pontevedra o seu último libro nunha conversa coas xornalistas María Varela e Susana Pedreira

Luís Rei (segundo pola esquerda) con Susana Pedreira, María Varela e Xaime Toxo, en Nemonon. RAFA FARIÑA
photo_camera Luís Rei (segundo pola esquerda) con Susana Pedreira, María Varela e Xaime Toxo, en Nemonon. RAFA FARIÑA

"Rafael Dieste é unha desas persoas que non ten medida". O presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo, foi o encargado de abrir este luns o acto de presentación en Pontevedra do último libro de Luís Rei, Rafael Dieste. O pensamento libre (Xerais, 2019), a segunda biografía que o autor lle asina ao escritor de Rianxo. "Quixen ampliar aquela primeira biografía, revisala á luz de datos que foron emerxendo transcorridas máis de tres décadas, pero acabei escribindo un texto totalmente novo", comentaba o autor nunha entrevista publicada o luns en Diario de Pontevedra.

Para repasar a traxectoria vital de Dieste, da súa infancia ás Misións Pedagóxicas, pasando pola relación coa súa muller e co seu pai ou co xornalismo, e para falar da escrita do libro, Rei escolleu un formato de conversa aberta ao público coas xornalistas María Varela (Diario de Pontevedra) e Susana Pedreira (Onda Cero) no Espazo Nemonon. "Hai un grandísimo descoñecemento sobre Dieste. Foi un home completamente entregado á paixón de autocoñecerse a través da súa produción literaria", rematou a súa presentación Toxo.

Luís Rei explicou que este título "é un mergullo nas raíces do noso tempo". Repasar a vida de Dieste, que naceu en 1899 e morreu en 1981, permite repasar a historia do século XX en Galicia a través dunha figura que viviu como protagonista boa parte dos acontecementos máis destacados da historia política española e se relacionou con actores de primeiro nivel en acontementos clave en Galicia, en España e en Europa.

"Isto non é unha novela, pero como se o fose", dixo Luís Rei antes do inicio da conversa. "Unha biografía o que fai é contar o tempo e o lugar dalguén. As novelas tamén fan iso. O que hai aquí, á parte dunha achega ao seu tempo e lugar, é tamén unha achega á súa obra".

Rei tamén comentou, entre outras casualidades, como a familia de Dieste (antes do nacemento de Rafael) viviu na mesma rúa de Pontevedra, a Oliva, onde Castelao tivo o seu enderezo durante máis tempo na cidade. De igual maneira, as familias dun e doutro vivían a uns pasos na mesma rúa de Rianxo.

FICCIÓN E REALIDADE. Rei, que habitualmente traballa na súa traxectoria literaria mesturando ficción e non ficción (Urbano Lugrís e a negra sombra, O encargo do señor Castelao, etc.) reivindicou a importancia de calquera biografía individual, máis se estamos ante unha vida tan "vistosa" como a de Rafael Dieste. "Calquera vida observada de preto e con algo de detemento pode converterse nalgo extraordinario. Para máis, unha como esta".

De igual maneira, o autor defendeu a contaminación literaria do relato ficticio e do real ao tempo que sinalou os puntos que tiñan en común. "Parto dun caudal de datos, porque aquí non hai nada inventado, pero calquera realidade que se escriba sempre ten algo de inventado ou ficcionado. Tamén pasa ao contrario: calquera ficción que se escriba pasa, dende ese momento, a existir realmente".

A figura de Carmen Muñoz
Susana Pedreira fixo referencia, ao comezo da charla, á escasa presenza de mulleres na biografía. Para compensar, unha figura clave, tanto na vida do escritor como na realización deste libro, é a súa dona, Carmen Muñoz. Por ela preguntou María Varela. "Carmen non era a muller de Dieste. Carmen era Carmen Muñoz. Tratábase de ti a ti con el", explicou Rei, que lle atribuíu, entre outras cousas, ter conservado copia de todas as cartas do de Rianxo. "Ese epistolario é un tesouro". Rei lembrou tamén como se coñecera a parella, nun acto das Misións Pedagóxicas en Valencia de Alcántara, onde Dieste saíu ao escenario para interceder por Urbano Lugrís, do que o público se burlara. "En aquel momento se me abrió la boca, Rafael, y ya no se me ha vuelto a cerrar", lembraba ela medio século despois.

Comentarios