Os vieiros que o fabulador Cunqueiro trazou en Pontevedra

A Deputación e a editorial Galaxia deron a coñecer unha escolma de escritos do autor mindoniense sobre as tradicións da provincia
undefined
photo_camera Carmela Silva e Francisco Castro presentaron o libro na sede viguesa da Deputación. DP

"Pontevedra es luminosa y alegre". Esta é a fermosa definición que o gran escritor galego Álvaro Cunqueiro dedicou á cidade do Lérez, na que gustaba "de ir a contemplar Santa María desde la otra orilla" e que cualificou como "la primavera, porque Pontevedra es joven y femenina y tiene, por los días de abril y mayo, una claridad que, como el tiempo de verano en la canción antigua, pone gozo en el corazón".

O texto sobre a Boa Vila forma parte do libro Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, unha escolma de escritos do autor mindoniense sobre as vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes da provincia publicada pola Editorial Galaxia co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará promoción o territorio a través desta obra.

"Non hai unha guía turística tan fermosa como esta. Recoñecemos todos os lugares pero están descritos dunha forma máxica", eloxiou a presidenta da institución, Carmela Silva, na presentación do libro que tivo lugar en Vigo xunto ao director de Galaxia, Francisco Castro.

A responsable provincial explicou que cando a editorial propuxo á Deputación participar no proxecto "non houbo ningunha dúbida". "Queremos que a xente que nos visite namore desta maxia porque aquí está a provincia enteira. É un instrumento fermosísimo para facer que a xente nos coñeza", anotou Carmela Silva.

IDENTIDADE. Polos vieiros do fabulador recolle nas súas 200 páxinas unha escolma de artigos en galego e castelán nos que o escritor mindoniense aborda aspectos da identidade do territorio.

"Fedellando no arquivo da Editorial Galaxia, entre as distintas publicacións de Cunqueiro decatámonos de que este escritor, que convertía calquera artigo nunha fábula e facía dunha conferencia un exercicio literario de primeira orde, dedicoulle moitísimas páxinas á provincia de Pontevedra", sinalou Francisco Castro, para engadir:

"Había que compilar todo nun libro e o resultado é este Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, que está organizado dunha maneira moi intuitiva".

A obra inclúe textos dedicados a Pontevedra, Vigo, Arousa, Cambados e Tui, ademais dun segundo apartado de itinerarios turísticos pola comarca do Deza, Cuntis, toda a contorna da Ría de Vigo ou as Illas de Cíes. A terceira parte céntrase nas viaxes gastronómicas, mentres que a cuarta componse de textos de carácter oral, como conferencias e pregóns de festas.

A presidenta avanzou que levará exemplares de Polos vieiros do fabulador para regalar nas viaxes de promoción turística que a levarán este mes a Madrid, Valencia e Zaragoza.

Comentarios