Xerardo Quintiá: "Dosinda era unha forza telúrica, veu a un piso e morreu ao mes"

O autor presentou en Lugo Obra inacabada de Dosinda Christensen, un poemario que escribiu unha personaxe inspirada na súa avoa
Xerardo Quintiá amosa o seu poemario. XESÚS PONTE
photo_camera Xerardo Quintiá amosa o seu poemario. XESÚS PONTE

Xerardo Quintiá fala cunha voz clara, sen dúbidas, sobre Dosinda Christensen:  "Ten 51 anos e vive en Fornelos, dedicada á apicultura ecolóxica". Coñécea ben porque el tamén é de Fornelos, un núcleo de tres casas da parroquia de San Martiño dos Condes, en Friol.

"Dosinda Christensen viviu nunha familia desestruturada, cun pai alcohólida, criada pola avoa", apunta. Engade que "emigrou nos anos 70 a Bélxica". O resto dos veciños, que chegaron a ser unha vintena nos anos 60, vive agora en Lugo.

A emigrada en Europa "empezou a escribir cando volveu á aldea". Quintiá sinala que "ela era poeta na xuventude, pero a súa vocación estaba adormentada". Establécese en Fornelos e empeza a "vivir outra vida,  unha vida en liberdade a través da poesía". Esa poesía que creou integra Obra inacabada de Dosinda Christensen (Alvarellos), un poemario co que Xerardo Quintiá (Fornelos, Friol; 1970) gañou o XLVI Premio de Poesía do Concello de Vilalba e que presentou este venres en Lugo, cidade á que se trasladou en 1984.

Quintiá creou a personaxe de Dosinda Christensen para "ter unha perspectiva" que lle permitise "ver cousas que non estaba vendo". A novidade foi ter un punto de vista de "femia, de femia non de muller, senón de calquera especie animal". Sérvelle para denunciar "a estigmatización das femias, aínda que o meu libro non é feminista". "Dosinda pretende desmontar a ideoloxía e o antropocentrismo" porque sabe que "os males e os erros veñen de que os seres humanos somos o centro do universo".

A biografía de Dosinda Christensen bebe da vida de Dosinda, avoa paterna do escritor e come do libro Eso de Inger Christensen. Dosinda era coñecida coma Dosinda de Fornelos, aínda que ela procedía de cinco quilómetros máis alá, de San Cibrao, na mesma parroquia de Condes. Casou con Pedro de Fornelos.  "Non sei cómo se coñeceron. Imaxino que nunha malla porque era cando se  xuntaba máis xente".

Xerardo Quintiá fala con tanto entusiasmo da súa avoa como do poemario Eso (Sexto Piso) de Inger Christensen

"A miña avoa Dosinda tiña moito carácter. Cando a xente di a verdade crea un conflito. Ela non mentía. Para ben e para mal", explica. "A Pedro case non o recordo, pero din que era diplomático". Pese a todo era consciente de que a súa sinceridade e o seu estilo directo no trato eran unha virtude e  un defecto. "Antes de casar colleunos a Montse e a min por separado. A min díxome: Se Montse che reñe, cala. A Montse díxolle: Se Xerardo che reñe, cala. Deuse de conta de que ser visceral trae problemas".

Dosinda era unha forza natural,unha enerxía poderosa que criou seis cativos. "Era telúrica, moi apegada á terra. Morreu con 96 anos. Trouxémola a Lugo, ao noso piso. Durou un mes porque lle faltaban as árbores. A paisaxe estaba dentro dela".

Xerardo Quintiá fala con tanto entusiasmo da súa avoa como do poemario Eso (Sexto Piso) de Inger Christensen. O poeta viaxa asiduamente a causa do seu traballo. "Estaba léndoo nun hotel en Oviedo e deixeino esquecido. Tiven que comprar outro exemplar porque necesitaba lelo completo", indica.

A  importancia que lle dá a ese libro reside en que a autora danesa o escribiu en 1969, "moito antes de que comezase o que agora chaman a pospoesía, moito antes de Anne Carson, moito antes de Chus Pato". Os versos de Eso son citados en Dinamarca, aparecen en pintadas e chegaron a ser expresións populares. A Quintiá axudouno a "cambiar a voz", a inventar a Dosinda Chistensen.

Comentarios