Yvonne Blake, presidenta de honra da Academia de Cine, morre aos 78 anos

A cineasta asumiu a presidencia acompañada polo director Mariano Barroso e a actriz Nora Navas como vicepresidentes en outubro de 2016

Yvonne Blake. J.J.GUILLÉN (EFE)
photo_camera Yvonne Blake. J.J.GUILLÉN (EFE)

A presidenta de honra da Academia Española de Cine, Yvonne Blake, faleceu este martes en Madrid aos 78 anos, anunciou a institución.

Blake (Manchester, 1940) asumiu a presidencia da Academia española acompañada polo director Mariano Barroso e a actriz Nora Navas como vicepresidentes, en outubro de 2016, tras a dimisión de Antonio Resines, pero apartouse das súas responsabilidades por mor dun ictus que sufriu en xaneiro pasado.

Tras o seu ingreso no hospital Gregorio Marañón de Madrid, a deseñadora experimentou unha melloría que lle permitiu iniciar a súa recuperación, tempo no que Barroso exerceu a presidencia en funcións.

Baixo o seu mandato constituíuse a Federación Iberoamericana de Academias de Cine, con sedes en Madrid e México, e reactivouse a Fundación, unha entidade sen ánimo de lucro centrada no desenvolvemento de proxectos educativos, a preservación da memoria do cine español e a súa difusión no estranxeiro.

No tempo que ocupou a presidencia logrou máis de 150 novas incorporacións á academia, entre elas as de directores como Jaime Rosales e Carlos Vermut, actores como o arxentino Ricardo Darín e o español Hugo Silva e produtores como Enrique Cerezo e Ramón Colom, ata superar os 1.300 membros.

Aínda que naceu en Inglaterra, Blake desenvolveu gran parte da súa carreira en España, onde chegou en 1968. Vestiu a Sofía Loren, Audrey Hepburn, Marlon Brando ou a Christopher Reeve en Superman.

Gañou o Óscar en 1971 por Nicolás y Alejandra e volveu ser candidata cinco anos despois con Los cuatro mosqueteros, de Richard Lester.

Ademais, foi catro veces candidata aos premios británicos BAFTA e dous aos Emmy, e ten catro Premios Goya, por Remando al viento (1988), de Gonzalo Suárez; Canción de cuna (1994), de José Luis Garci: Carmen (2003), de Vicente Aranda, e El puente de San Luis Rey (2004), de Mary McGuckian.

Comentarios