O Bergantiños confirma que o partido co Sevilla xogarase finalmente en Riazor

O Dépor accede a que se dispute alí o partido da Copa tras rexeitar inicialmente a petición
Riazor. RCDEPORTIVO
photo_camera O estadio de Riazor. CHANGE.ORG

O Bergantiños confirmou este mércores que o partido da Copa do Rei co Sevilla, previsto para o 18 de decembro ás 18.00 horas, xogarase finalmente no estadio de Riazor. A Federación Española de Fútbol dera ao club de Terceira División catro escenarios posibles para o choque copeiro e finalmente o Bergantiños decantouse polo herculino, do que é concesionario o Deportivo.

Inicialmente, o Dépor rexeitara a petición do Bergantiños para xogar no seu campo aducindo un informe técnico sobre o céspede, pero finalmente, tras a mediación da federación, accedeu a brindarlle a posibilidade de disputar o encontro nese campo.

O Bergantiños tamén podía elixir a Cidade Deportiva de Abegondo, que o Deportivo xa lle ofreceu, o campo da Malata, en Ferrol, e o Vero Boquete, en Santiago de Compostela. O club de Carballo incluso solicitara á federación xogar o partido no Sánchez Pizjuán de Sevilla debido a que o seu campo das Eiroas foi considerado non apto polo ente federativo e o Deportivo non lle deixaba disputalo en Riazor. 

Nun comunicado, o Bergantiños expresa o seu agradecemento ao presidente do Deportivo, Paco Zas, e á súa directiva, así como ao Concello da Coruña e a Alfredo Olivares, director de composicións e fútbol non profesional da RFEF, pola "súa boa disposición para achegar posturas".

O club galego considera que se acordou "a mellor solución para todas as partes: para os seguidores do Bergantiños e todos os carballeses, e para o fútbol modesto galego en xeral". Tamén expresou a súa "gratitude á SD Compostela, o Atlético Arteixo e o Racing de Ferrol, que, de forma oficial", puxeron á súa disposición as súas instalacións para que se celebrase a eliminatoria no caso de que quedasen descartados As Eiroas e Riazor.

Comentarios