'Galegos e Campións', 5 anos como "escaparate do deporte minoritario"

Esta edición do calendario "é a máis bonita que se fixo", segundo Lete Lasa, e conta nas súas páxinas con trece deportistas, entre eles Teresa Portela, Marta Brañas ou Miguel Alvariño
Algunos protagonista durante la presentación del calendario 'Gallegos y Campeones'
photo_camera Algunos protagonista durante la presentación del calendario 'Gallegos y Campeones'

O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, e Coca-Cola, presentaron este mércores o seu calendario 2016 'Galegos e Campións', que chega á súa quinta edición como "escaparate do deporte minoritario".

Pablo Sanmartín (bádminton) é xaneiro; febreiro, Marta Canella (baloncesto); marzo, Susana Rodríguez (paratriatlón); abril, Aroa Freije (pentatlón); maio, Teresa Portela (piragüismo); xuño, Miguel Alvariño (tiro con arco); xullo, Pablo Rodríguez (BTT); agosto, Vanessa Sotelo (fútbol sala); setembro, Paula Medín e Vanessa Rial (rugby); outubro, Marta Brañas (boxeo); novembro, Lúa Piñeiro (taekwondo); e decembro, Jean Marie Okutu (atletismo).

"Dos 13 deportistas, dous en setembro, nove son mulleres. Están a demostrar o potencial do nivel feminino no deporte galego, que é moi de agradecer", explicou José Ramón Lete.

O secretario xeral para o Deporte asegurou que é "un calendario excepcional" e mostrouse convencido de que os seus protagonistas van ensanchar" o palmarés "olímpico" do deporte galego. "Posiblemente sexa o calendario máis bonito que se fixo ata agora. Como os deportistas, tamén o calendario vai batendo marcas porque cada ano é mellor. Está garantido que haberá máis deportistas e case tan bos como os que formades o calendario este ano", prognosticou.

Lete apuntou que os galegos conseguen "cifras de mareo" e asegurou que "noutras comunidades envéxanlle moito polos deportistas" que hai en Galicia. 

"O campión é o que é máis valente, ten máis coraxe e máis agallas", díxolles aos tres deportistas do calendario que estiveron no acto de presentación na fábrica de Coca-Cola na Coruña: Marta Brañas, Lúa Piñeiro e Miguel Alvariño. "Representades mellor que ninguén os valores do deporte. Dádesnos ese orgullo e satisfacción de que apostar polo deporte merece a pena", sentenciou Lete.

A xefa do departamento de comunicación de Coca-Cola Iberian Parnets, María Sande, afirmou que "a esencia e a alma do calendario" son os deportistas. "Son os nosos galegos e os nosos campións. Miguel, Marta, Lúa, grandes deportistas e grandes persoas. Este calendario pretende ser escaparate para os deportes máis minoritarios. Contén imaxes con moita maxia", sostivo.

En representación dos deportistas, o púxil Marta Brañas, que a próxima semana disputará o primeiro campionato de España feminino profesional, agradeceu a "iniciativa" de Coca-Cola de "promocionar os deportes minoritarios, que non saen tanto nos medios".

"Detrás hai un traballo espectacular, grandes fotos", sinalou a boxeadora, quen recoñeceu que é "un orgullo" para ela "poder participar" no calendario. "Ademais, é un incentivo para outros deportistas que poidan saír nos próximos anos", indicou Brañas, que en outubro protagonizou a primeira velada íntegra de boxeo feminino en España.

Máis en Deporte General
Comentarios