Iván Raña, o pioneiro do tríatlon, retírase logo de 21 anos en activo

"Foron 21 anos de dedicación plena, agora toca facelo de xeito máis relaxado", afirma
Iván Raña. PEPE FERRÍN
photo_camera Iván Raña. PEPE FERRÍN

Iván Raña abandona o tríatlon de xeito profesional. O home que descubriu a España un dos deportes nos que logrou máis éxitos, déixao aos 42 anos. "Chegou o momento de aparcar o tríatlon a nivel profesional. Foron 21 anos de dedicación plena, agora toca facelo de xeito máis relaxado. Seguirei competindo en carreiras que me chaman moito, e noutras disciplinas. Só podo dicir grazas a todos os que estiveron cerca nesta aventura", anunciou este xoves nas súas redes sociais.

Raña, nacido en Ordes, saltou á fama cando acabou na quinta praza nos Xogos Olímpicos de Sídney 2000. A partir deses momentos, os seus éxitos deixaron de ser anónimos. Gañou o Mundial de 2020 e conseguiu a prata nos dous seguintes.

Nos campionatos de Europa fíxose con dúas medallas de ouro (2002 e 2003) e unha de prata (2001). Ademais, foi campión mundial de acuatlón en 2001 e subcampión do mundo de tríatlon por substitucións en 2003.

Ademais de en Sídney, participou nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004, nos que acabou na vixésima terceira posición, e nos de Pequín, nos que repetiu o posto de Sidney, acabando na quinta praza.

En 2009, Iván Raña pasouse ao ciclismo profesional, nas filas do Xacobeo Galicia, pero non lle foi ben e ao ano seguinte regresou ao tríatlon, o deporte que lle deu máis alegrías, centrándose nos últimos anos da súa carreira na especialidade de longa distancia: ironman.

Máis en Deporte General
Comentarios