Mediaset adquire os dereitos da Eurocopa

Ofrecerá en aberto un paquete de 23 partidos, un por xornada, con todos os encontros que dispute a selección española así como o inaugural e a fase final

Mediaset España informou este mércores de que adquiriu os dereitos da Eurocopa de fútbol Francia 2016 para transmitir 23 partidos: todos os que dispute a selección española, o partido inaugural e a fase final do torneo.

"Mediaset España chegou a un acordo coa comercializadora CAA Eleven para a adquisición dos dereitos de emisión en aberto da Uefa Euro 2016, nunha operación a un prezo xusto, tras varias fases de negociación", informa a empresa.

Ofrecerá en aberto un paquete de 23 partidos, un por xornada, con todos os encontros que dispute a selección española así como o partido inaugural e a fase final do torneo, explica Mediaset.

Paolo Vasile, conselleiro delegado, explica nunha nota de prensa que "é unha gran noticia chegar ao acordo coa Uefa para ser novamente quen ofrezamos gratis e en aberto a todos os españois os principais partidos da Eurocopa a través das nosas canles de televisión e internet, mantendo inalterable o noso criterio empresarial de rendibilidade". "Poremos novamente todo o noso potencial humano e técnico na creación dun evento inesquecible que con tanta emoción aúna a todo un país", agrega Vasile.

Na Eurocopa 2016, que se disputará en Francia do 10 de xuño ao 10 de xullo, España intentará conquistar o torneo por terceira vez consecutiva, algo que nunca antes conseguiu selección nacional algunha.

Mediaset España xa ofreceu anteriormente os Mundiais de 2010 e 2014, a Eurocopa 2012 e a Copa Confederacións de 2009 e 2013, así como os últimos partidos amigables do equipo nacional español.

Máis en Deporte General
Comentarios