O atacante portugués Joao Félix, fichado polo Atlético de Madrid por 126 millóns de euros, xa asinou o seu contrato co club branquivermello por sete tempadas, segundo anunciou a entidade nun comunicado na súa páxina web oficial, no que explicou que tamén superou xa o recoñecemento médico.
"Joao Félix xa é novo xogador branquivermello. O Atlético de Madrid e o Benfica chegaron a un acordo para o traspaso do novo futbolista portugués. O dianteiro, que pasou o pertinente recoñecemento médico na Clínica Universidade de Navarra, xa asinou o seu novo contrato co noso club para as próximas sete tempadas", anunciou a entidade madrileña superadas as 20.30 horas.
#PuroTalento pic.twitter.com/ehvuo8YBNI
— Atlético de Madrid (@Atleti) 3 de xullo de 2019
Media hora antes, o Atlético anunciou a fichaxe cun vídeo "no marco incomparable do Museo do Prado, que recibiu a este talento do fútbol portugués na celebración do seu bicentenario", segundo agregou o conxunto madrileño.
A fichaxe de Joao Félix, procedente do Benfica, é a cuarta máis cara da historia do fútbol. E prodúcese no mesmo día en que o Atlético anunciou a chegada do mexicano Héctor Herrera, a custo cero, desde o Porto, e a saída de Rodrigo cara ao Manchester City tras depositar a cláusula de 70 millóns.
Tras unha tempada na que se coroou campión da liga do seu país co Benfica e debutou coa selección absoluta de Portugal na Liga das Nacións, João Félix (Viseu, 1999) chamara a atención de media Europa, incluída a do todopoderoso Manchester City de Pep Guardiola. O Atlético gañou a carreira.
Recentemente nomeado ao Golden Boy, Joao Félix, que marcou 20 goles a pasada tempada, comezou a xogar ao fútbol no modesto Pestinhas e ingresou máis tarde na canteira do Porto, club no que militou ata os 15 anos, cando se incorporou ao Benfica.