Sete Benavides finaliza cuarto na proba de C-1 de 200 metros

O padeeiro quedou por detrás do brasileiro Queiroz, ao que adestra o pontevedrés Suso Morlán
Sete Benavides
photo_camera Sete Benavides

O español Sete Benavides quedou este xoves a 21 milésimas da medalla de bronce na proba de C-1 200 de piragüismo sprint dos Xogos Olímpicos de Río 2016, na que foi cuarto e na que o ucraíno Iurii Cheban, campión olímpico en 2012, campión mundial en 2014 e segundo no circuíto deste ano, revalidou o título.

Nunha moi disputada carreira e con varios padeeiros chegando case simultaneamente á meta, o ucraíno impúxose cunha nova marca olímpica e deixou en segundo lugar ao acerbaixano Valentin Demyanenko, campión mundial en 2013, e no terceiro ao brasileiro Isaquias Queiroz, terceiro no Mundial do ano pasado e adestrado polo pontevedrés Suso Morlán.

Sete Benavides, que foi terceiro no Europeo de 2014, terceiro no Mundial de 2013 e cuarto nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, tivo que conformarse cun cuarto lugar, que foi decidido tras a análise da foto de chegada debido a que pasou a meta de xeito conxunto co brasileiro. O brasileiro anotou 39.628 e quedou co bronce e o español 39.649.

Cheban percorreu os 200 metros na Lagoa Rodrigo de Freitas cun tempo de 39.279, unha nova marca olímpica na categoría. O brasileiro Isaquias Queiroz, que xa se colgou a prata o martes no C-1 1.000 metros, sumou a súa segunda medalla olímpica.

O xeorxiano Zaza Nadiradze foi o quinto, o ruso Andrey Kraitor sexto, o chinés Li Qian, subcampión mundial en 2015, sétimo, e o francés Thomas Simar oitavo. As probas de piragüismo, en canoa (C) e kaiak (K) dispútanse até o sábado na Lagoa Rodrigo de Freitas, unha lagoa entre a praia de Ipanema e o cerro do Corcovado cuxas augas xeraron polémica polo seu nivel de contaminación, aínda que o COI garantiu que están en niveis adecuados para a saúde.

Máis en Deporte General
Comentarios