Tebas barallaría dimitir como presidente de LaLiga tras a polémica viaxe do Fuenlabrada

Javier Tebas. ARCHIVO
photo_camera Javier Tebas. ARQUIVO

A polémica xerada en torno á viaxe do Fuenlabrada á Coruña, onde o club ía xogar este luns co Deportivo e ao final, tras a suspensión do partido, acabou illado nun hotel, tería levado ao presidente de LaLiga, Javier Tebas, a barallar a opción de deixar o cargo.

Iso é polo menos o que apuntou este venres a Cadena Cope, tras as críticas á actuación do organismo e despois de que o Consello Superior de Deportes (CSD) censurase os "erros" do equipo e de LaLiga. E todo iso nun caso que tamén "salpica á súa familia", porque o seu fillo Javier é secretario do consello de administración do Fuenlabrada. Así as cousas, o presidente de LaLiga preguntouse "se vale a pena seguir", segundo a Cope.

O seu fillo, Javier Tebas Llanas, criticou este venres a través das redes sociais ao Consello Superior de Deportes e a Real Federación Española de Fútbol, e defendeu que no Fuenlabrada se "criminalizou a persoas accidentalmente contaxiadas". Uns días antes, o seu pai defendera que os xogadores que viaxaron a Galicia para enfrontarse ao Deportivo "non deran positivo e estaban en perfecto estado para poder xogar".

A expedición do equipo permanece illada na Coruña desde que o luns se soubo que varios dos seus integrantes deran positivo nun test de coronavirus ao que se someteron aínda en Madrid, desde onde xa non viaxaron outros catro membros do persoal. A lista de infectados seguiu crecendo desde entón. O Sergas confirmou o xoves novos casos que elevan a 12 os positivos confirmados entre os integrantes do Fuenlabrada illados nun hotel herculino.

Este mesmo venres coñeceuse que Fiscalía da Coruña abriu dilixencias de investigación sobre a viaxe do CF Fuenlabrada á Coruña, por se tivese cometido un delito ao non comunicar o brote de coronavirus que puido detectar o pasado fin de semana en Madrid e despois emprender o traxecto co resto do persoal cara á cidade galega. 

O Concello da Coruña presentou este xoves ante o fiscal xefe da Audiencia Provincial da Coruña un "extenso" escrito para que "se depuren responsabilidades", no caso de que as haxa.

Comentarios