O ano 2018 tamén é cousa de Edu Sousa

O porteiro granate é o que máis partidos e minutos acumulou na Liga no ano natural co Pontevedra

Edu Sousa voando por enriba dun atacante do Las Palmas Atlético. RAFA FARIÑA
photo_camera Edu Sousa voando por enriba dun atacante do Las Palmas Atlético. RAFA FARIÑA

Por quinta vez consecutiva, Edu Sousa é o líder estatístico do Pontevedra Club de Fútbol ao remate dun ano natural. O porteiro granate, afianzado no portal do conxunto de Pasarón, é o que máis partidos disputou e tamén o que máis minutos acumulou entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Entre a segunda metade da temporada pasada e a primeira parte da actual, Sousa só perdeu un encontro de Liga, contra o San Sebastián de los Reyes a domicilio, en febreiro. Anxo substituira naquela oportunidade ao gardarredes tudense, que completou o resto dos enfrontamentos celebrados.

Entre os futbolistas de campo, o máis regular foi Álex González, que participou en 34 dos 37 envites ligueiros que se produciron durante o ano natural. Iso si, o feito de que actuase saíndo desde o banco ou fose reemprazado por un compañeiro restoulle minutos sobre o terreo de xogo e relegouno á cuarta posición de homes con máis minutos sobre o tapete.

Eder Díez, Javi Pazos e Arruabarrena empataron con cinco goles como máximos realizadores do equipo granate

Nese caso, Adrián León foi o home de campo que máis tempo pasou sobre o verde. Como centrocampista ou principalmente como central, León estivo 2.465 minutos sobre o céspede.

O apartado goleador estivo máis repartido que a Lotería de Nadal: tres dianteiros atoparon a portería rival en cinco oportunidades: Eder Díez foi vital no treito final do curso pasado na procura da permanencia por parte dos granates, mentres que Javi Pazos e Arruabarrena tamén acertaron en cinco oportunidades cada un nos duelos ligueiros que se disputaron ata agora do curso 2018-19.

En total, 37 xogadores estiveron ás ordes de Luismi na Liga nos doce meses, aínda que Rubén Ualoloca, aínda non puido debutar no actual campionato. O madrileño si o puido facer na Copa RFEF.

Berrocal foi o xogador que deu un maior salto de calidade en minutos xogados da primeira á segunda metade de 2018

Dos 37, doce empezaron e acabaron o ano ás ordes de Luismi, 15 só participaron entre xaneiro e maio e dez fixérono exclusivamente desde o verán ata a o remate do ano.

En total, os seareiros do Pontevedra viron debutar co primeiro equipo a 14 futbolistas ao longo de 2018, a meirande parte deles fichados ou no mercado de inverno ou durante o verán para a actual temporada, pero tamén algúns rapaces procedentes de categorías inferiores, como Jesús Barbeito, Pacheco e Rivera.

No treito de ano correspondente á temporada pasada, e sempre á marxe de Edu Sousa, amo absoluto a nivel estatístico do ano, David Goldar foi o futbolista máis empregado por Luismi: 1.431 minutos, por diante de Adrián León e Álex Fernández. No segmento de correspondente á actual temporada, Víctor Vázquez foi o máis empregado: 1.423 minutos, máis ca Kevin e ca Álex González.

Pibe é o único futbolista que leva no equipo todo o ano e non viu ningún cartón amarelo nos partidos de Liga

A presenza de algúns deportistas foi testemuñal. Entre eles destaca o caso de Rivera, que só disputou un par de minutos no desconto do partido contra o Deportivo Fabril en Pasarón, en novembro. Era o seu debut na competición de bronce.

Nun ano no que os futbolistas formados na base do Pontevedra tiveron un gran protagonismo, o que máis medrou dunha campaña á seguinte en canto a protagonismo foi, curiosamente, un veterán: Jesús Berrocal.

O dianteiro andaluz pasou de ser unha peza de rotación na primeira metade do ano a ser titular indiscutible desde que Álex Fernández se mancou no outono.

AMOESTACIÓNS. En canto aos castigos disciplinarios recibidos dos árbitros dos partidos, David Castro, Adrián León e Álex González rivalizan: Castro viu oito cartóns amarelos e dúas dobres amoestacións que lle supuxeron unha expulsión; León foi vítima de dez tarxetas amarelas e unha expulsión por dous cartóns e Álex González levou sete cartóns e, a maiores, unha expulsión, tamén por dobre apercibimento.

Nese apartado non houbo ninguén máis tranquilo ca Pibe, que non foi amoestado nunca ao longo dos doce meses. Prosi non viu ningún cartón amarelo nos partidos que disputou ata maio, mentres que nos 18 duelos da segunda metade do ano, Javi López, Álex Fernández e Nacho Lorenzo están impolutos.

Noutra orde de curiosidades estatísticas que afectan á segunda metade do exercicio, cabe sinalar que ningún futbolista foi sancionado por cumprimento de ciclo sancionador de cinco amarelas. No aspecto goleador, non houbo ningún defensa que fixese diana, feito que había moitos anos que non tardaba tanto en producirse.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios