70 cruceiros lánzanse a polo Mar de Maeloc Rías Baixas

▶ Unha das regatas máis importantes a nivel peninsular arrinca o mércores (13.30 horas) co 'Pairo 8' como favorito, tras imporse nas dúas últimas edicións
photo_camera Imaxe das embarcacións durante a edición do ano pasado. CEDIDA

Comeza en augas galegas, coa organización do Real Club Náutico de Vigo, a Regata Mar de Maeloc Rías Baixas, que finalmente logrou o seu obxectivo para esta edición de alcanzar os 70 cruceiros, que representarán ás flotas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Portugal, cuns 600 regatistas a bordo.

O sinal de saída será o mércores, ao fío da unha e media da tarde, desde a zona central da ría de Vigo con rumbo a Sanxenxo, na ría de Pontevedra, para cubrir a primeira etapa.

Por vez primeira na súa historia, desde a súa creación no ano 1964, a que é a regata máis importante por etapas a nivel peninsular formará parte do concepto Mar de Maeloc, xunto coas regatas Rías Altas e Finisterre.

O primeiro acto ten 22 millas para os competidores de clases 1,2 e 3, mentres que o resto das diferentes categorías navegarán unhas seis millas menos.

Entre os de maior hándicap aparece como o barco a bater o Pairo 8, que arma José Luís Freire e ten por cana ao compoñente do equipo de España de Young Americas Cup Luís Bugallo Arriola. O Farr 39 de Freire impúxose nas dúas últimas edicións. En 2016 venceu o que será o seu gran rival: Aceites Abril, do ourensán Luís Pérez Canle. Freire foi campión mundial amateur de J70 en EEUU en 2018 e Pérez Canle logrou o propio este ano en augas italianas. Soa a desquite mírese por onde se mire.

A extensa lista de participantes por clases complétana os denominados sport boats, como Willy Alonso.

A Regata Mar de Maeloc Rías Baixas comeza cunha apaixonante travesía entre Vigo e Sanxenxo. A ilusión desta nova etapa outórgalle moita mocidade á decana das regatas de cruceiros do Noroeste e unha das máis antigas de España.

Comentarios