miércoles. 16.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 16.10.2019
El tiempo

75-95. O Peixe resiste dous asaltos

Noguerol nunha acción do partido deste venres. DAVID FREIRE
Noguerol nunha acción do partido deste venres. DAVID FREIRE
O equipo marinense caeu contra o COB na semifinal da Copa Galicia tras aguantar o pulso durante a primeira parte

O Marín Peixegalego resistiu durante dous asaltos o empuxe do Club Baloncesto Ourense antes de caer á lona na semifinal da Copa Galicia.

O conxunto marinense perdeu debido a unha segunda parte na que lle faltou o fol e a claridade de ideas necesarios para plantar cara a un dos claros favoritos a disputar o play-off de LEB Ouro.

O bloque ourensán, en continua reconstrución tempada tras tempada, mostrou as credenciais dun xigante ante ao que a escuadra de Llorente só puido combater mentres non se baleirou a súa despensa de glicosa.

O equipo marinense realizou unha primeira parte notable, especialmente o primeiro cuarto. Con acerto nos lanzamentos, un ritmo endiablado e capacidade para producir desde diferentes puntos da cancha e a través de distintos xogadores, o Peixegalego resistiu o concerto de piano que executou baixo os aros Balaban. O espigado pivote serbio do COB exhibiu tanto talento como centímetros para deshumanizar a Doorson, que aos tres minutos de comezar o duelo sentaba con tres faltas persoais.

Mazaira e Jacobo Díaz destacaron nos de Llorente

Con todo, Mazaira enchufaba desde a liña exterior, Noguerol corría a toda velocidade secundado por Badmus e Jacobo Díaz producía de lonxe e desde cerca.

En consecuencia, o primeiro cuarto pechouse cun esperanzador 29-25. Con todo, o cadro visitante aguantou o intermcambio de golpes ao que o intentou levar o Peixe mediante un ritmo frenético. O acerto impenitente nos tiros liberados de Wood e a evidente superioridade visitante na pintura volteó o resultado no segundo acto.

No Peixe as faltas persoais convertíanse nunha pésima noticia. Quinn, sen apenas adestramentos co colectivo, convertíase na seguinte vítima das torres do COB. Balaban atopaba rotación en Víctor Serrano, que sabe máis por vello que por diaño. Poucos quilos, pero moita materia gris para seguir complicando a existencia dos de Marín, que chegaban ao descanso cunha desvantaxe de tres puntos no marcador grazas a un triplo postremeiro de Sanders. O norteamericano deixou impresión de xogador valente e decidido nas penetracións e con habilidades para fabricarse lanzamentos exteriores.

Un mal comezo do terceiro cuarto tirou por terra as opcións do bloque marinense ante un dos favoritos a xogar o play-off

Non lle foi tan ben a sesión ao seu compañeiro Joel Hernández, que padeceu un mal día, no que estivo pelexado co balón, cos colexiados e consigo mesmo. Acabou cunhas prestacións por baixo do que se agarda del. Aínda é pretemporada.

O comezo do terceiro período, cun Peixe no que as ideas eran cada vez máis escasas, conduciu á ruptura do choque. Con ataques espesos, malos tiros e decisións cuestionables, seguramente explicables polo elevado gasto físico realizado ata ese momento, o conxunto de Marín foise diluíndo en mans dun adversario cun gran potencial, outra obra de enxeñería de García de Vitoria.

Alfredo Ott deu a puntilla ao Peixe cos seus lanzamentos exteriores. E a pesar dos bos momentos de Jacobo Díaz e, sobre todo, Mazaira desde a liña de 6.75, os locais acabaron claudicando e perdendo por unha vantaxe excesiva para o que sucedeu.

O dominio no xogo interior do COB foi o elemento diferencial que conduciu aos ourensáns á vitoria

A afección xa sabe a que xogará o seu equipo: velocidade a campo aberto, intensidade en ambos os lados da cancha e ataques curtos para desarticular a orde defensiva inimigo. Tamén coñece que o equipo ten máis habilidades para xogar de face ao aro que para facelo de costas. Só falta por comprobar a súa capacidade real de acerto para calibrar as súas opcións de permanencia.

Ficha técnica
75. Marín Peixegalego: Jacobo Díaz (14), Taiwo Badmus (10), Noguerol (6), Joel Hernández (5), Doorson (7) –cinco inicial– Pablo Castro, Sanders (9), Seoane, Mazaira (19) e Quinn (5).

95. Club Ourense Baloncesto: Wood (10), Figueras (9), Balaban (26), Edu Martínez (6), Van Wijk (5) –cinco inicial– Manu Vázquez (2), Tshikaya (7), Ott (11), Serrano (17) e Pluta (2).

Árbitros: Adrián Iglesias, Cristian Martín e Laura Piñeiro. Excluíron por cinco faltas persoais a Romone Sanders do Peixegalego.

Incidencias: Semifinal de Copa Galicia disputada no Pavillón Municipal da Raña de Marín ante 300 afeccionados.

75-95. O Peixe resiste dous asaltos
Comentarios