A 8K volve ao Lérez

A terceira edición da carreira popular celébrase o vindeiro domingo 1 de marzo tras non haberse disputado en 2019
photo_camera Corredores da 8K na edición de 2018. OLGA FERNÁNDEZ

O deporte sempre estivo moi presente na vida dos pontevedreses que, de xeración en xeración van inculcando aos máis pequenos a importancia de facer exercicio. E que mellor ocasión para compartir a paixón polo deporte que a 8K Lérez, unha proba orientada a toda a familia que o vindeiro domingo 1 de marzo cumpre a súa terceira edición correndo a beiras do río Lérez.

Nunha época na que os pontevedreses comezan a porse en forma, esta cita deportiva dá a oportunidade a todos os públicos de poder gozar dunha xornada de deporte e diversión na que non importa a idade, se se é amateur ou profesional. O importante é facer exercicio.

Cun percorrido pensado para todos que discorrerá polas inmediacións da pasarela peonil sobre o Lérez na Illa das Esculturas non haberá dificultade que free aos corredores da categoría absoluta que poden elixir entre disputar a distancia popular, é dicir, os catro quilómetros, ou atreverse a unha segunda volta máis esixente e correr os oito. Pero tamén hai distancias adaptadas para os pequenos da casa, que se dividirán en catro categorías nas que poderán competir os nados a partir do 2005.

Pero ademais de poder correr individualmente nesta carreira, tamén se poderán formar equipos nos que a familia ao completo poderá correr xunta e competir por ser os máis rápidos. Pero non fai falta ter vínculos familiares para formar equipo, xa que tamén se poderán crear cuadrillas, unha modalidade na que grupos de amigos competirán xuntos.

Trátase, sen dúbida, dunha proba na que o deporte e a diversión van da man e que naceu na mente dos organizadores, CC Norte Sport Timing, coa intención de achegar e facilitar a práctica de deporte e hábitos saudables aos pontevedreses. Con isto en mente, en 2017 naceu esta proba, seguida en 2018 da segunda edición. Ambas cunha gran aceptación por parte dos habitantes e deportistas da Boa Vila. E a pesar de non celebrarse en 2019, a organización non dubidou á hora de levar a cabo unha terceira este ano, na que contan coa colaboración do Concello de Pontevedra e o Diario de Pontevedra como medio oficial do evento.

A falta de pouco máis dunha semana para a ansiada cita, as inscricións están a crecer a un ritmo extraordinario e xa son 218 os que se animaron a participar nesta proba. Pero, para os máis atrasados, aínda quedan días para apuntarse a gozar desta xornada e comezar así a tempada de carreiras populares e deporte na Boa Vila, xa que as inscricións non pecharán ata o xoves anterior ao evento, é dicir, o próximo día 27 de febreiro.

Comentarios