A elite en Pontevedra

O subcampión do Mundo de xadrez, Alexéi Shírov, chega á Boa Vila para servir como referente no Torneo Internacional
2019081019335736612
photo_camera Participantes do Torneo. DP

O pasado xoves arrincaba en Pontevedra a VII edición do Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra e como prometeu a directiva, o subcampión do Mundo e referente da disciplina mundial, Alexéi Shírov, chegaba á cidade para participar activamente co proxecto deportivo.

O Concello de Pontevedra abriu as súas portas ao xadrecista ruso que ademais compartía o acto coa nova promesa do xadrez internacional Elizaveta Solozhenkina. Entre tanto, acudiron tamén o presidente do Club de Xadrez, Daniel Rivera, o director do torneo, Pablo García e a campioa de Europa, Mónica Calceta. A Concelleira de Promoción da Cidade e eventos deportivos, Anabel Gulías, foi a encargada de recibir á comitiva.

Pablo García iniciou o acto cunhas palabras de agradecemento aos deportistas polo seu apoio e participación no torneo, "traer a unha estrela como Alexéi é moi motivante para a xente que coñeza o noso torneo". Explicou o director do evento. Daniel Rivera facíase coa palabra ao momento e non dubidaba en destacar a multitude de premios que recibiu a cidade polos seus proxectos e iniciativas.

O presidente do Club de Xadrez tamén quixo facer unha mención especial ao Colexio Os Salgueiros, onde se celebrará o campus os próximos 15 días. A primeira semana destinarase aos aspectos teóricos e na segunda disputaranse os torneos. Pola súa banda, a visita de Alexéi ao campus tivo unha boa resposta, "fanme moitas preguntas, e preguntas difíciles", confesaba o soviético.

A concelleira de eventos deportivos, Anabel Gulías, mostrou o seu interese pola condición de Solozhenkina na elite do Xadrez. A rusa de tan só 15 anos colgouse xa cinco medallas en torneos da súa categoría, entre elas un bronce e unha prata mundialista e un ouro no Europeo Xuvenil de 2015.

O seu pai, que a acompañaba no acto, explicou as facilidades que lle conceden para poder compaxinar estudos e deporte, "en San Petersburgo o colexio facilitoulle moito as cousas, non tiña que facer acto presencial grazas aos seus éxitos no xadrez e estudaba desde casa".

Con todo, a concelleira non se conformaba e insistía preguntando pola experiencia de Elizaveta en canto ao seu recoñecemento público nun deporte encabezado maioritariamente por figuras masculinas. "Como en calquera deporte, aínda que pareza que todo é mental, está claro que os homes son máis fortes, entón as súas metas serán conseguir éxitos en torneos femininos", aclarou o pai de Solozhenkina.

A pesar das distincións de xénero que rodean a disciplina, Pablo García interveu para deixar claro o importante que é para os pequenos deportistas ter en mente a un referente como ela, "é certo que hai máis volume de mozos pero é máis natural que destaque un mozo só por unha lóxica matemática, a proporción é dunha muller a 100 homes".

O acto concluíu coas palabras de Anabel, que reincidía no dito para destacar a sorte de contar cuns visitantes como Alexéi ou Elizaveta, "estamos moi contentos de pór a Pontevedra no mapa a través do xadrez".

No que respecta ao torneo, que comezou o pasado xoves, converteuse xa na edición de maior participación na historia de Galicia, en total, 230 deportistas, que pecharán esta edición o próximo 14 de agosto.

Comentarios