A fortaleza de Pasarón

O equipo granate é o único, xunto coa Ponferradina, que aínda non perdeu na casa ▶ O once que prepara Luismi empatou catro partidos e gañou catro, entre eles os dous últimos

Kevin celebra o 1-0 do partido contra o Unión Adarve. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Kevin celebra o 1-0 do partido contra o Unión Adarve. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pasarón aproximou ao Pontevedra aos primeiros postos da clasificación de Segunda División B. A fortaleza do equipo granate no seu feudo permitiulle igualar a puntos co cuarto e o quinto clasificados e esquecerse da loita pola permanencia na que se viu mergullado a pasada temporada.

O conxunto que dirixe Luismi leva oito partidos na casa, dos que gañou catro e empatou catro. A pesar de que deixou escapar oito puntos como local, aínda non encaixou ningunha derrota diante da súa afección. E esa dinámica estalle a permitir estar cos mellores da categoría.

De feito, só outro equipo máis pode presumir de seguir invicto perante a súa afección: o líder, a Ponferradina. O bloque berciano é o mellor local de todo o grupo. Non só é un dos onces que non perderon ningún partido na casa, senón que ademais é o que máis puntos sumou: 20 de 24 posibles.

O dato. Nove meses invito
A última vez que o Pontevedra perdeu na casa foi o 5 de marzo

Dos conxuntos da zona alta da clasificación, dous bloques levan 19 puntos como locais: o Fuenlabrada e o Castilla. Os tres puntos de máis que obtiveron con respecto ao PCF son tamén os que lles permiten estar por diante del na clasificación. O Guijuelo, con seis vitorias, unha igualada e unha derrota tamén ten mellor bagaxe de puntos como local có Pontevedra. O equipo de Luismi aparece na quinta praza desa ficticia clasificación.

O bloque granate pareceu mellorar o seu rendemento nos últimos tempos, tanto en resultados como en xogo, perante os seus seareiros. Empezou a serie derrotando á Cultural Leonesa (2-1) na segunda xornada.

No seguinte envite empatou contra o Valladolid Promesas (1-1), nun mal partido que só mellorou no treito final.

O bloque da cidade do Lérez tamén empatou fronte ao Celta B na sexta xornada e perante á Ponferradina na oitava. Ámbolos dous partidos saldáronse sen goles.

O Salamanca CF UDS perdeu no campo do Burgo na décima xornada da campaña regular. Quince días despois, o Pontevedra demostrou capacidade de reacción para levantar un 0-2 adverso fronte ao Deportivo Fabril e empatou (2-2).

O reto. Tres de catro
O once pontevedrés ten por diante tres partidos ligueiros como local dos próximos catro

Desde entón, dous bos partidos dos granates na casa pecharon o camiño: un contra o Coruxo, nun campo en mal estado que non foi impedimento para que o bloque de Pasarón demostrase a súa superioridade fronte ao cadro vigués, e no outro contra o Unión Adarve, duelo saldado cunha clara vitoria por 3-1 dos homes de Luismi.

NOVE MESES. A escadra pontevedresa leva sen perder na casa desde o 5 de marzo, cando caeu contra o campión do grupo I, o Rayo Majadahonda (0-3). Nin no treito final do curso pasado nin no comezo da actual temporada houbo quen lle levase os tres puntos.

Agora o Pontevedra ten un reto que pode parecer sinxelo, pero dados os resultados que se levan ata agora, antóllase complexo: conseguir dous triunfos nas dúas semanas consecutivas na casa. Ata agora só o logrou o Guijuelo, que derrotou ao Deportivo Fabril e ao Unión Adarve en dous duelos seguidos como local.

O PCF ten por diante a visita dalgúns dos bloques máis competitivos, a priori, da categoría. O Castilla e o San Sebastián de los Reyes teñen que visitar a ribeira do Lérez en 2019.

Precisamente, o filial branco é un dos equipos aos que se medirá o equipo de Luismi no Tour como local que está a facer entre o final da primeira volta e o comezo da segunda.

Terá catro duelos de cinco na casa. Ademais do que xa disputou contra o Unión Adarve o domingo pasado, recibirá ao Las Palmas Atlético o próximo domingo á mañá, recibirá ao Real Madrid Castilla despois da volta do parón invernal e completará o proceso recibindo ao Unionistas de Salamanca en Pasarón, o 13 de xaneiro.

Comentarios