O Poio Pescamar volve sorprender cunha camiseta diferente

Agora para os equipos de categorías inferiores
Imagen del equipamiento. DP
photo_camera Imaxe do equipamento. DP

Cando todo o mundo pensaba que a imaxinación do Poio Pescamar chegara ao seu tope no que a deseño de camisetas refírese, volveu a demostrar que nada máis lonxe da realidade. O club volveu a deixar coa boca aberta a máis dun coa nova indumentaria das categorías inferiores, na que se avogou por un estampado en forma de pizza, facendo unha chiscadela ao seu novo patrocinador. "Buscamos ter unha repercusión en quen aposta por nós, é a mesma liña que estamos a seguir desde o pasado ano, queremos que sexa rechamante" declarou Juanjo García, máximo responsable do club. Obxectivo conseguido. 

O certo é que a sorpresa ten o seu precedente. A pasada campaña o Poio Pescamar non pasou desapercibido nas pistas, grazas á camiseta na que se reflicte a estampa de latas de conservas –séguea lucindo–, facendo gala ao seu principal patrocinador que dá sobrenome ao seu equipo. Deu que falar e moito. Todo indica que o Poio se uniu a unha moda que comezou en Galicia da man do CD Lugo, cando na tempada 2014 quixo deixar a marca da casa na súa indumentaria, na que se lucía un tentáculo de polbo. Para rizar máis o rizo, o segundo equipamento presentaba a estampa dunha cana de cervexa. Nada que represente mellor a súa cidade de procedencia. Un ano deixando rastro galego nos campos de fútbol. 

A lata a este novo boom abrírona o Athletic de Bilbao e Atlético de Madrid en 2004 cuns deseños, canto menos, diferentes, lucindo a simulación dun estampado de Ketchup e unha tea de araña respectivamente. 

As camisetas estrearanse este próximo fin de semana e poranse á venda unha vez fíxose a súa presentación oficial en pistas, ao prezo de 20 euros para socios e abonados e 25 para o resto de afeccionados. 

Ninguén sabe onde está o límite desta moda que parece non se conforma e sempre vai a máis. Pero se algo se establece como seguro antes de lanzar a campaña, é que as categorías inferiores do Poio Pescamar van dar moito que falar.

Comentarios