A polo póker de vitorias

O Pontevedra buscará ante o Mariño de Luanco o seu cuarto triunfo consecutivo, o segundo tras a chegada de Carlos Pouso
Lance del encuentro entre el Baleares y el Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Lance del encuentro entre el Baleares y el Pontevedra. RAFA FARIÑA

Adóitase dicir, no mundo do deporte, que nin un equipo é tan malo cando perde, nin tan bo cando gana. As tres vitorias consecutivas do Pontevedra CF non deben facer esquecer o comezo irregular de liga no que as sensacións eran boas, pero os resultados non. Con todo, se deben sentar unhas bases para que o camiño continúe nesta dirección e os triunfos sigan permitindo ao equipo sumar de tres en tres.

Tras conseguir tres importantes puntos a domicilio na súa visita a Las Rozas, o conxunto pontevedrés afronta hoxe unha nova xornada de liga ante o Mariño de Luanco. Será este a estrea de Carlos Pouso no banco de Pasarón, o primeiro encontro en casa da nova era granate e unha nova ocasión para confirmar o cambio de dinámica que comezou hai xa tres semanas.

Enfronte estará o Mariño de Luanco, un equipo que chega no décimo terceiro lugar da táboa clasificatoria, pero que xa sabe o que é puntuar en territorio galego. Foi ante o Celta B onde os asturianos lograron a primeira vitoria do curso. Corría a cuarta xornada da competición e, desde aquela, conseguiron tres máis (Pena Deportiva, As Palmas Atlético e Sanse) que, xunto aos dous empates, permítenlle sumar 14 puntos na marcadora, catro menos que o Pontevedra.

Con Oli, un vello coñecido da afección pontevedresa, o conxunto asturiano buscará un novo triunfo para recuperar as sensacións lonxe do seu feudo, onde lle está custando puntuar no seu regreso á división de bronce do fútbol español.

O propio Pouso avisou en rolda de prensa das grandes armas do rival que, a pesar dos seus resultados esta tempada, preséntase como un equipo perigoso que pode facer tremer os cimentos de Pasarón. Con todo, o Mariño de Luanco, que viaxa este domingo, ten a dúbida de dúas das pedras angulares do seu proxecto: Luís Morán e Álex Arias.

Por parte do Pontevedra o técnico vasco non poderá contar cos lesionados Nacho López e Berrocal que xa causaron baixa a pasada semana ante Las Rozas e que, aos poucos, vanse incorporando ao grupo.

O Pontevedra busca o póker de vitorias, quere brindar á súa afección unha nova alegría, volver sumar de tres en tres para achegarse á zona de privilexio da táboa clasificatoria e terminar así, dunha vez por todas, de disipar as antigas pantasmas.

Carlos Pouso: "Se non estamos atentos nas vixilancias estes fannos un roto"

O técnico granate asegurou na comparecencia de prensa previa ao encontro desta tarde que por respecto ao rival adoita analizar en profundidade aos equipos contra os que se enfronta. 

"Gustaríame dicir que me fixo só no meu e o contrario dáme igual, pero non. Fíxome funda mentalmente no meu, pero hai unha porcentaxe de variabilidade por unha cuestión de respecto e porque non todos son iguais, non todos propoñen o mesmo nin xogan ao mesmo. Cada semana sempre hai un matiz ou algo que corrixir, por adaptación ao medio", asegurou Pouso sobre a análise que realiza cada semana do seu rival.

Facendo referencia a ese estudo en profundidade sobre o Mariño de Luanco, o técnico vasco teno claro e foi contundente. "Se non estamos ben atentos nas vixilancias estes fannos un roto", afirmou o adestrador granate que asegurou que "hai moito fútbol nesas botas, moita rapidez nas transicións e temos que ter sentido común".

Pouso sabe que non está ante un rival sinxelo, do que asegurou que "non é ningunha pera en doce". Con máis nada que o encontro ante o Mariño na mente e sen pensar nos que virán despois, o Pontevedra tamén debe estar atento hoxe ao sorteo da próxima rolda da Copa do Rei que se celebra a partir das 17.00 horas.

Posibles aliniaciones do Pontevedra CF-Mariño de Luanco. 

Comentarios