Adeus á clandestinidade

A billarda pasa a incluirse dentro da Federación Galega de Deporte Autóctono, xunto coa modalidade de chave
Unha xornada da Conferencia Noroeste de billarda celebrada na praia de Laxe. CEDIDA
photo_camera Unha xornada da Conferencia Noroeste de billarda celebrada na praia de Laxe. CEDIDA
A billarda está a escribir durante esta primavera unha das páxinas máis importantes da súa historia. A modalidade abandonará a clandestinidade que a definía ata agora e pasará a ter maior corpo coa súa inclusión na Federación Galega de Deporte Autóctono. Nesa federación, compartirá protagonismo coa modalidade de chave, outro dos deportes populares galegos de gran tradición, que ata agora tiña federación propia e que aceptou con agrado a fusión da billarda.

Durante esta temporada, os principais impulsores do deporte no país levaron a cabo diferentes reunións cos responsables políticos da área deportiva na Xunta de Galicia para obteren a condición oficial de modalidade deportiva.

A Xunta aprobou por lei que sexa recoñecido como tal, e para ese efecto, debe dispor dunha federación autonómica ou estar incluido dentro de unha.

Entre as vantaxes que obterá o deporte atópase a posibilidade de que tódolos equipos pasen a estar federados, os xogadores dispoñan de seguro e mutualidade e a federación dispoña duns orzamentos para poder levar a cabo actividades e difundir a práctica do deporte.

Agora os representantes dos equipos atópanse no momento máis complexo, o proceso burocrático para daren de alta no rexistro de clubs na área de Deportes da Xunta de Galicia. O organismo autonómico concedeulles aos delegados dos conxuntos todo o ano actual para levar a cabo o procedemento administrativo.

Desta maneira, os palanadores poderán retomar a actividade de maneira inminente, en canto o deporte volva reactivarse e se retome a competición, sen necesidade de ter cuberto os trámites todos.

Na Federación de Deporte Autóctono pactáronse os órganos de Goberno e os Estatutos entre os poderes da chave e a billarda. A modalidade disporá dun vicepresidente, que será Lois Fontán, xogador adscrito á Conferencia Noroeste, e un comité técnico de oito membros.

Un dos aspectos nos que poderán traballar cun maior respaldo os representantes dos conxuntos de billarda é a promoción. Entre as súas intencións está a de poder desenvolver actividades de forma colectiva e organizada en colexios, para achegarlle o deporte á xente nova.

A nova federación xa dispón dun logo novo, no que incorpora elementos representativos tanto da chave como da billarda.

A Federación de Chave debeu cambiar os seus estatutos e adaptarse para poder dar cabida á billarda, pero considera que o se poden xerar sinerxias para os dous deportes. Entre as intencións dos membros da nova directiva federativa atópase a celebración dunha xornada conxunta con afán divulgativo, na que tamén podería haber lugar para a petanca.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios