A oferta do Pontevedra non convence a Adrián León, que reclama unha subida

As posturas de ambas as partes están enrocadas e todo fai indicar que separarán os seus camiños

Adrián León. DAVID FREIRE
photo_camera Adrián León. DAVID FREIRE

Frías, moi frías. Así están as negociacións de renovación de Adrián León e o Pontevedra Club de Fútbol. O defensor cántabro marchouse de vacacións cunha oferta do club pontevedrés debaixo do brazo para continuar unha tempada máis, pero semanas despois, ambas as partes parecen lonxe de entenderse.

O futbolista segue esfollando a margarida entre as propostas que lle chegaron e espera aínda a chamada de máis equipos, consciente de que tanto a Segunda como a Segunda B segue pendente de pechar a súa conformación de face á próxima tempada.

Segundo puido saber este diario, León entende que debe recibir uns emolumentos superiores aos que cobrou o pasado curso no Pontevedra, pero a entidade granate non está polo labor de mellorarlle o contrato.

Ante o enroque de ambas as partes, que deberán falar nos próximos días, a opción máis probable é León e o PCF separen os seus camiños, logo de dúas tempadas xuntos nas que o futbolista foi dos máis utilizados tanto por Luisito, técnico co que chegou e co que xogou tanto de mediocentro como de central, como por Luismi, que desde o principio contou con el como un dos seus indiscutibles, principalmente no centro da zaga.

Adrián xogou 62 partidos de liga coa casaca granate

O pasado verán, o club valorou o seu papel no vestiario e o seu rendemento deportivo —con altibaixos— a pesar da mala tempada xeral e ofreceulle a renovación por un ano máis. Unha oferta que o exfutbolista do Logroñés aceptou.

Durante a tempada que acaba de finalizar, o de Santander volveu ser un dos xogadores máis utilizado.  Adrián foi a opción preferida de Luismi para acompañar a Víctor Vázquez no eixo da defensa granate. En total, disputou 31 partidos, todos eles como titular. As súas ausencias debéronse a un partido de sanción e a problemas físicos, principalmente musculares.

En total, o xogador de 29 anos (cumprirá 30 en setembro), disputou 62 partidos de liga coa casaca granate e tan só un deles entrando desde o banco. A pesar da súa estatura (1,90 centímetros), que lle permitiu destacar por alto, non anotou ningún gol co Pontevedra.

O club entende que a posición de central é unha das importantes á hora de reforzar o equipo

MÁS OPCIóNS. O certo é que desde o inicio do mercado de fichaxes, o Pontevedra non se quedou quedo esperando unha resposta de Adrián León. O club entende que a posición de central é unha das importantes á hora de reforzar ao equipo para lograr ese salto de calidade que lle permita competir entre os mellores do grupo no que se encadre.

Deste xeito, os encargados do ámbito deportivo sondearon o mercado en busca dun defensor que complete unha liña que, con case total seguridade, estará conformada o curso que vén de novo por Víctor Vázquez e Campillo. Os dous futbolistas son algúns que teñen a súa renovación feita ou moi preto de pecharse.

O club busca a un central das características de Víctor Vázquez

Con estas dúas certezas, o PCF traballou na contratación de Jesús Muñoz, que tivo unha oferta en firme do club. Finalmente, as diferenzas económicas acabaron por ser un impedimento insalvable para pechar a operación.

Agora, o club busca a un central das características de Víctor Vázquez (contundencia, xerarquía, experiencia...), pero que xogue preferentemente coa súa perna esquerda e poida actuar como lateral por ese lado do campo, o que lle permitiría exercer como suplente de David Castro, actualmente o único xogador nesa posición, á espera de comprobar se chega un sub-23.

Doutra banda, unha vez finalizada a tempada de todos os equipos da base, o Pontevedra rompe o seu silencio. Lupe Murillo e Roberto Feáns comparecen este venres ante a prensa.

Christian Perales elixe Murcia
Un ano máis, foi tenteado polo Pontevedra. Pero o seu desexo era estar cerca do Levante, onde ten á súa familia. E o ‘culebrón Christian Perales' toca a súa fin ben pronto. O exdianteiro do Sanse, que anotou 16 tantos o pasado curso, xogará a próxima tempada no UCAM Murcia, onde estará ás ordes do exentrenador do Celta B, Rubén Albés. Doutra banda, logo de moitos dimes e diretes, a Cultural Leonesa volveu apostar por José Manuel Aira como adestrador do primeiro cadro para o próximo curso.

 

Comentarios