A agonía con tres desenlaces para o Pontevedra

O Pontevedra afrontará o final da primeira fase sabendo que pode aspirar a Primeira RFEF ou caer a Segunda e pelexar por non baixar a Terceira
Clasificación de 2ª B.CLAUDIO VERA
photo_camera Clasificación de 2ª B.CLAUDIO BEIRA

Unha agonía en pleno marzo con tres posibles finais: a esperanza por poder loitar por estar na Primeira RFEF (Federación) ou "baixar" a Segunda RFEF, coa trampa final de incluso poder descender outra categoría e dar cos seus ósos en Terceira División. A un deses desenlaces é ao que se aboca o Pontevedra Club de Fútbol nos últimos tres partidos da primeira fase, que disputará a partir do próximo mes contra dous rivais directísimos e outro que pode chegar a selo. E é que o conxunto de Luisito medirase ao Dépor -sexto- en Riazor, logo recibirá ao Coruxo -oitavo- e acabará a primeira rolda visitando ao Guijuelo, que probablemente chegue ao partido final último.

A día de hoxe, coa súa sétima praza, o Pontevedra quedaría fóra da Primeira Federación a próxima tempada. A actual posición que ostenta no seu subgrupo (1A) impediríalle manterse na terceira categoría do fútbol nacional, reformulada a partir do próximo curso cun novo nome (Primeira RFEF ou Segunda B Prol) e composta por 40 equipos. Así, de non escalar na clasificación nos próximos tres encontros, o PCF baixaría "de facto" unha categoría e veríase, como mínimo, inmerso na nova Segunda B, rebautizada baixo o denominativo de Segunda RFEF e que, con 80 equipos, pasaría a ser a cuarta categoría nacional.

O conxunto granate afrontará en marzo dous duelos directos ante o sexto e o oitavo e pechará a primeira fase visitando ao pechacancelas do subgrupo

Pero aínda habería un mal aínda peor. E é que ese sétimo posto que lle condenaría si ou si Segunda RFEF obrigaríalle, ademais, a pelexar por un "dobre descenso". Sería a unha Terceira que a campaña 2021-2022 será a quinta división do balompé patrio.

E é que se a primeira parte da competición (18 xornadas) está a resultar ser unha rolda durísima na que unha escasa diferenza de puntos conduce a pelexar por obxectivos totalmente contrapostos, a segunda fase preséntase como unha rolda diabólica: menos do 50% dos equipos conseguirán os seus obxectivos. O futuro deportivo de todas as entidades porase en xogo en seis ou oito xornadas a maiores, co engadido de que os puntos cultivados na primeira fase son arrastrados na súa totalidade.

No peor dos casos, o Pontevedra accedería como un dos catro últimos do seu subgrupo (1A) á liga pola permanencia, na que se mediría aos catro últimos do subgrupo 1B. Dese grupo de oito, tan só os dous mellores salvaríanse seguro do descenso a Terceira –o PCF lograríao a día de hoxe, xa que é o mellor aínda que con algún partido máis–. Nesta fase xogarán os equipos dun subgrupo contra os doutro a ida e volta (oito xornadas). O terceiro probablemente tamén conseguiría a permanencia, pero dependendo da súa media de puntos. E é que o peor terceiro dos cinco grupos pola permanencia caería tamén a Terceira.

No mellor dos casos, o Pontevedra coaríase na liga intermedia, na que tras seis xornadas máis, tan só os dous mellores en canto a puntuación total conseguirán o obxectivo de meterse en Primeira RFEF. A día de hoxe, o PCF partiría con tres puntos de desvantaxe sobre o Langreo. Aínda que para poder competir con el, tería que acabar entre o cuarto e o sexto do seu subgrupo en marzo.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios