Agosto competitivo: Cisne e Teucro disputarán a Supercopa

O equipo branco enfrontarase a Chapela e o cadro azul estrearase con derbi ante o Lalín
2020071513400038240
photo_camera Imaxe dun encontro de Copa do ano pasado entre Teucro e Cisne. DP

Antes do comezo oficial da tempada en Liga Asobal, División de Honra Prata e Primeira Nacional, os conxuntos da zona de Pontevedra terán que enfrontarse á Supercopa Galicia da cal xa se coñecen os primeiros emparellamentos correspondentes á rolda de cuartos de final.

Durante a semana do 17 ao 29 de agosto, o balonmán galego gozará do seu propio torneo de copa que o ano pasado levantou os Frigoríficos do Morrazo nunha atractiva final contra o Cisne Balonmán.

Casualmente o subcampión da edición pasada que este ano debutará en Asobal, o Dicsa Modular Cisne, comezará a súa andaina nesta Supercopa Galicia ante o Rodosa Balonmán Chapela. No mesmo lado do cadro atópase o Atlético Novás que se xogará o pase a semifinais ante o Calvo Xiria.

No extremo contrario atópanse o resto de representantes da provincia de Pontevedra. O Condes de Albarei Teucro terá, na rolda de cuartos, un derbi que servirá para abrir boca de face á tempada regular xa que se enfrontará ao Disiclín Balonmán Lalín, que será o seu rival en División de Honra Prata. O vencedor deste encontro xogará a segunda rolda (xa encadrada dentro da fase final) ante o equipo que consiga levar a vitoria no choque que enfrontará aos Frigoríficos do Morrazo fronte ao Bueu Atlético.

Os encontros de cuartos de final disputaranse entre o 17 e o 23 de agosto, mentres que as semifinais celebraranse o día 28. A correspondente á beira do cadro no que se atopan Teucro, Cangas, Lalín e Bueu xogarase ás 18:00 horas, mentres que a outra se xogará ás 20:00. A gran final, da que sairá o novo supercampión galego, enfrontará aos vencedores de ambas as semifinais, ao día seguinte ás 20:00 horas.

A federación fixo públicos tamén os emparellamentos da Copa Galicia tanto masculina como feminina con representación pontevedresa.

O derbi está asegurado co partido que enfrontará ao Rasoeiro e Luceros na semana do 10 ao 16 de agosto, cando se abra o torneo en oitavos de final. Só un pasará de rolda para atoparse co gañador do partido entre Sar Plastic Omnium e BM Reconquista de Vigo.

Desde o outro grupo será ED Poio o que represente á cidade do Lérez, que se enfrontará a Carballal no partido que dará o pase aos cuartos de final. O que logre a vitoria enfrontarase ao vencedor do partido que enfronta a Distevi e Oar Ciudad 1952 entre 17 ao 23 de agosto. O día 29 disputaranse as semifinais para dar paso a unha final un día despois.

A Copa Galicia Feminina xogarase entre o 17 e 23 de agosto e ten aos equipos pontevedreses no mesmo grupo. Coreti Lalín e Sar Rodavigo enfrontaranse por unha banda mentres que Meaño xogarase o pase a semifinais ante Porriño. Coreti e Meaño poderían verse as caras nesta fase.

Comentarios