Amor eterno a Galicia

O Pontevedra logrou tres triunfos nos tres desprazamentos a Vigo e A Coruña que leva realizados na Liga e sumou 14 puntos de 18 posibles fronte a adversarios da rexión

Borja Domínguez, celebrando xunto a Campillo e Romay o triunfo contra o Celta B en Barreiro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Borja Domínguez, celebrando xunto a Campillo e Romay o triunfo contra o Celta B en Barreiro. GONZALO GARCÍA

PONTEVEDRA. O Pontevedra gusta en Galicia e Galicia gústalle ao Pontevedra. O equipo granate é o mellor da rexión da actual temporada. O cadro de Pasarón conseguíu 14 puntos de 18 posibles contra rivais da Comunidade Autónoma, o que lle axuda a estar metido na pelexa polas catro primeiras posicións.

O once de Pasarón logrou a vitoria o pasado sábado en Abegondo para seguir alimentando o seu soño. De feito, o cadro granate venceu en tódolos desprazamentos que fixo a campos galegos. Triunfou no Mundo do Fútbol de Abegondo, pero tamén o fixo hai dous meses en Barreiro contra o Celta B, polo mesmo resultado que antes de onte (0-1), e no Baltasar Pujales de Vigo (1-3).

Ademais, o bloque da cidade do Lérez obtivo un triunfo na casa contra o Coruxo (1-0) na época do exercicio na que se amosou máis fiable e regular, ao remate da primeira volta.

Aparte diso, o Pontevedra colleitou dous empates máis no seu feudo, contra o Celta B (0-0) e contra o Deportivo Fabril (2-2).

O equipo de Pasarón foi o único quen de roubarlle os tres puntos ao Celta B. O equipo celeste é o que máis puntos conseguidos ten nos derbis: 17 de 24. Pero tamén foi o único dos cinco, xunto co Fabril, que disputou tódolos partidos.

O peor de todos en territorio autonómico é o filial herculino. Tamén se viu moi lastrado polos seus resultados fronte aos seus veciños o Coruxo.

O equipo dirixido polos irmáns Montes triunfou unicamente nun partido en chan galego. Foi contra o Deportivo Fabril (1-0), no terreo de xogo do Vao.

Aínda faltan dous deribis

O Pontevedra aínda non acabou o seu choio contra equipos galegos. O bloque que dirixe Luismi ten que disputar aínda dous enfrontamentos de rivalidade rexional.

O Coruxo e o Rápido de Bouzas son os dous adversarios contra os que non se mediu na segunda volta. O cadro dirixido por Jacobo Montes recibirá ao Pontevedra dentro de dúas semanas.

Na xornada seguinte, o Rápido de Bouzas visitará Pasarón.

Non serán duelos sinxelos para os homes de Luismi, xa que os dous equipos vigueses seguen con vida na pelexa pola Copa do Rei e pola permanencia, respectivamente.

 

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios