Ángel Rodríguez: "Este é o Pontevedra que quero ver eu e todo o mundo"

O preparador leonés destacou a capacidade que tivo o seu equipo para interpretar os momentos do partido
24-10-21 Segovia. La Albuera. Gimnástica Segoviana - Pontevedra. Foto de Antonio Tanarro.
photo_camera Ángel Rodríguez, en La Albuera. ADG MEDIA

Ángel Rodríguez, adestrador do Pontevedra, congratulouse pola vitoria en Segovia e polo xeito na que está a mellorar o conxunto nas últimas semanas: "O equipo segue crecendo e dando boas sensacións. Creo que saíu moi enchufado ao partido, sabendo o que tiña que facer, aproveitando os coñecementos que tiñamos do rival e tendo pegada. Somos un equipo que, se deixamos de conceder atrás, ao final as oportunidades van chegar porque xogamos ben ao fútbol e temos certa facilidade para xerar ocasións de gol".

Ángel Rodríguez destacou a capacidade que tivo o seu equipo de adaptarse aos distintos momentos do encontro: "Gustoume a enteireza para xogar o balón cando o tivemos na primeira parte. Despois, cando non o tivemos, soubemos sufrir e estar xuntos para non conceder. Soubemos defender arriba, que era o ideal para non sufrir". "Somos xustos vencedores nun partido que non foi fácil. Este vai ser un campo complicado", engadiu.

Por pór algún pero no triunfo, o preparador do equipo lerezano apuntou unha faceta na que deben mellorar: "Faltounos máis precisión no último pase. Roubamos en accións nas que con ese pase creásemos mans a man con certa facilidade".

"Creo que o equipo saíu moi enchufado, sabendo o que tiña que facer e tendo pegada"

Recoñeceu que non se esperaba o esquema de tres centrais empregado pola Ximnástica. "Afortunadamente, vimos de xogar en contra de rivais que usaban ese mesmo sistema e soubemos como se lles debe de atacar", ampliou.

"Tiñamos moi claro como atacar á Segoviana. Entendémolo á perfección e traballado durante a semana para que se producisen as ocasións que tivemos. Espero que o equipo siga crendo nel mesmo e esquecer canto antes o inicio de tempada en canto a resultados. Este é o Pontevedra que quero ver eu e que quere ver todo o mundo", engadiu Rodríguez, que falou tamén da lesión de Rufo: "Ten unha escordadura no nocello. O grao non o sabemos aínda. Ata que non o avalíe o doutor non se pode dicir máis".

Preguntado polos cambios realizados, dixo que non viu motivos para facelos antes: "Eu creo que teño que facer os cambios que debo facer. Non vou facer cinco porque se poidan facer cinco. Creo que facer demasiados cambios é trastornar a un equipo".

"UN EQUIPAZO". O adestrador da Segoviana, Manu González, recoñeceu a superioridade do Pontevedra nun partido no que comezar coa laxa do 0-2 resultou determinante. "Perdemos o partido nos primeiros 15 minutos. Non só concedemos dous goles, senón que incluso puido chegar un terceiro", comentou.

Ao seu xuízo, "o resto do partido, estivo bastante equilibrado. Quitámoslle o balón ao Pontevedra, algo que é moi difícil. Intentamos ter máis presencia na área, pero iso si que non o conseguimos. Visitounos un auténtico equipazo".

Comentarios