Ángel Rodríguez: "A vitoria é importante e non encaixar tamén. Estou contento"

O preparador do Pontevedra destacou que ao rival deste sábado "non se lle concedeu nada", a pesar de que "fixo un partido completo"
Ángel Rodríguez. DAVID FREIRE
photo_camera Ángel Rodríguez. DAVID FREIRE

O preparador do Pontevedra, Ángel Rodríguez, mostrouse "contento pola vitoria e pola imaxe" ao termo do choque ante o Llanera. "Vemos que o equipo vai crecendo e imos xuntando cousas que me fan ser optimista, como que empezamos a deixar a porta a cero. Estou contento por moitas cousas: a vitoria é importantísima, non recibir tamén e que o equipo volva marcar tres goles coa xente de arriba enchufada, tamén", recoñeceu.

En relación ao nivel do rival, Rodríguez destacou que "ao Llanera fixéronselle as ocasións que se lle fixeron a outros equipos e o Pontevedra non lles gañou". A diferenza estivo, segundo no preparador granate, en que ao rival deste sábado "non se lle concedeu nada". "Non hai que quitarlle méritos ao equipo, que fixo un partido completo e estivo ben. O Llanera fixo o que puido. Ás veces estás máis afortunado e outras menos, pero considero que a xestión do balón foi moi boa. Mostrámonos como un equipo sólido coa pelota, porque outros días estivemos máis imprecisos", destacou.

"Isto é fútbol e aínda me belisco por non conseguir a vitoria antes. Pero agora estamos a ser máis sólidos atrás que ao principio da tempada e iso fai que nos soltemos con balón. Somos máis precisos e atrevidos", apuntou.

Acerca de Miguel Román, explicou que "en principio é un golpe". "Ten unha contusión na zona do ligamento lateral interno. Ata que non pasen unhas horas non se poderá avaliar ben. O doutor cre que quedará todo nun golpe, pero cando é o xeonllo hai que ter un pouco de precaución", engadiu.

José Luís Rodríguez

O adestrador do Llanera destacou que "unha desgraza dunha lesión" axudou que o gol do PCF chegase. "Na segunda parte saímos moi ben, apertamos moi arriba pero veu o segundo. Estabamos a xogar contra o mellor equipo da categoría", apuntou.

Comentarios