Annus Horribilis

O descenso do Pontevedra víase vir desde lonxe e as razóns do mesmo tamén haberá que buscalas ao lonxe, igual que os responsables.

O resumo da campaña en números é desolador, de récord en case tódolos departamentos. Houbo dous presidentes, tres adestradores no primeiro equipo, tres adestradores no filial, 34 xogadores debutantes no primeiro conxunto. Foron despedidos varios empregados, o director xeral e o financeiro, o deportivo foise e volveu. Total, o equipo semiprofesional sumou 39 puntos en 37 encontros, a un punto por xornada, garante de descenso en calquera categoría.

A crise económica foi o telón de fondo propiciatorio que alimentou erros, xerou presións e obrigou a desatender a actividade principal dun club de fútbol, os partidos. Non se pode dicir que o descenso a Terceira División sexa consecuencia exclusiva da mala xestión dunha temporada, senón dun periodo máis longo, no que se pagou unha ambición excesiva, a vida por riba das posibilidades dun ente que queimaba máis enerxía da que producía.

Durante anos, Nino Mirón tirou do carro, apoiado no seu patrimonio privado. Pero cando a crise emerxeu, o expresidente quedou sen marxe de reacción. A temporada 2008-09 foi o primeiro aviso, un primeiro exercicio claramente deficitario. O curso 2009-10 foi a particular aposta a unha carta da entidade para rexurdir. Ao non ascender, o PCF viuse coa auga ao pescozo definitivamente, cunha situación económica acuciante que levou a tomar decisións precipitadas e erróneas na parcela deportiva.

Nese apartado, a confección do plantel foi desacertado, fundamentalmente pola desfeita defensiva: marcharon os catro titulares do curso anterior e os que chegaron non demostraron estar ao nivel dos seus antecesores.

Aínda así, o bloque tiña calidade dabondo como para non temer polo descenso. Pero mergullouse rápido nunha dobre dinámica negativa: perder e non cobrar.


Destituiuse un primeiro adestrador, Ángel Viadero, pero de seguido comprobouse que el non era o problema. Pouco despois, fartos de promesas incumpridas, os futbolistas ameazaron con ir á folga de retorno das vacacións de Nadal. Levaban catro ou cinco meses sen cobrar, desde setembro con débedas.

Representantes dos tres grupos políticos da capital, co presidente da Deputación e o alcalde á fronte, conseguiron involucrar a unha serie de empresarios para que acudisen ao rescate da entidade, coa condición de que Mirón se fixese a un lado. Desbloquearon a situación económica e aceptaron unha revolución deportiva: oito fichaxes en inverno.

Os novos dirixentes priorizaron a situación económica sobre a deportiva e desfixéronse de Igor, o mellor xogador e máximo goleador do primeiro equipo. A falta de experiencia e a división de opinións na comisión de mando non axudaron ao equipo, que ademais quedou sen gol e estivo tres meses sen facer unha diana en xogada elaborada, desde o 2 de xaneiro ata o 11 de abril. Entón, mergullado de cheo na zona de descenso, non soubo reaccionar e nunca estivo á altura das circunstancias.

O último troco de adestrador, motivado pola dimisión dun Fernando Castro Santos farto coas constantes inxerencias de elementos externos no desempeño do seu traballo, non foi solucionou. Manolo Tomé non logrou facerse coa tecla adecuada en ningún momento e o Pontevedra nunca deu sensación de poder superar o problema no que estaba inmerso.

Os futbolistas tampouco deron un pase á fronte, moitos deles desquiciados e sen fe no seu traballo, estiveron moi por debaixo do seu rendimento. A algúns nin sequera se lles permitiu debutar e aqueles que deberían marcar diferencias estiveron máis tempo mancados que operativos (Rubén Reyes e Fran Amado). O plantel tiña carencias, non era para loitar polo ascenso, pero tampouco para baixar.

Comentarios