Antía xira aos 20 quilómetros

► A menor dos irmáns Chamosa intentará rebaixar a súa marca na distancia curta da marcha, coa vista posta nos Mundiais de Budapest en agosto
Antía Chamosa. RFEA
photo_camera Antía Chamosa. RFEA

Antía Chamosa subirá a súa aposta polos 20 quilómetros en 2023. A marchadora da Sociedad Gimnástica márcase o Campionato do Mundo de Budapest como grande aspiración para o presente curso. O certame celebrarase entre o 19 e o 27 de agosto deste ano.

Para chegar a esa cita, deberá dar un salto no seu rexistro dos 20 quilómetros: terá que darlle un mordisco de tres minutos ao seu crono. Actualmente Chamosa posúe un rexistro de 1:35.04 na distancia. A Federación Española pide como primeiro requisito unha mínima de 1:32.00 para poder estar en chan húngaro en agosto, ademais de superar os outros criterios de selección da RFEA.

O salto de calidade é considerable, pero o traballo desenvolvido xunto co grupo de adestramento en inverno foi moi positivo. "Tiven moi boas sensacións", aclarou a campioa da Gimnástica, que lembrou que nesta ocasión non tivo os problemas físicos que a limitaron na preparación da campaña pasada e que lle fixeran "comezar mal a temporada".

"Melloramos en marcas", explicou a atleta lerezana, que estivo concentrada en Guadix (Granada) durante tres semanas, formando parte dun grupo selecto de marchadores de alto nivel.

Chamosa intentará non desbotar os 35 quilómetros como outra vía de clasificación para os grandes certames internacionais do curso, o citado Mundial de Budapest e a Copa de Europa de Podêbrady, na República Checa, que será o primeiro grande obxectivo do ano, en maio.

Nesa distancia xa posúe a mínima para o Mundial (esíxese 2:54.00 e ela conta xa con marcas en 2 horas e 53 minutos). O problema é que nesa proba conta cunha competencia máis dura ca nos 20, se cabe, encabezada polo ouro en 20 quilómetros en Eugene María Pérez (se aposta pola longa distancia) e acompañada por Laura García Caro e Raquel González. Mar Juárez, outra das atletas que logrou a mínima para os pasados Mundiais de Eugene sería outra das adversarias para obter a praza nos próximos Mundiais.

De aí que, sen desbotar unha mellora na longa distancia que lle abra unha porta, intentará sobre todo mellorar os seus ritmos na distancia curta e baixar un rexistro persoal que data de 2021.

A próxima semana afrontará o Campionato de España de 35 quilómetros en Cieza. O 26 de marzo, en Córdoba, terá a reválida no Nacional de 20 quilómetros. Dúas sesións que comezarán a marcar o seu 2023, tras un ano pasado no que confirmou o seu crecemento.

Comentarios