As 'Antías' gañan a Copa do Mundo de piragüismo

A parella pontevedresa faise co ouro na proba de C2 200 e logran a cuarta praza nos 500 metros
Antía Otero y Jácome, en la final. FEGAPI
photo_camera Antía Otero e Jácome, na final. FEGAPI

As padeeiras do Club Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra Antía Jácome e Antía Otero lograron a medalla de ouro na proba de C2 200 na Copa do Mundo de piragüismo, que se celebrou en Szeged (Hungría) durante esta fin de semana.

Jácome e Otero, que investiron un tempo de 45.01 segundos en completar a proba, avantaxaron en 53 centésimas á outra embarcación española formada por María Corbera e Patricia Coco, segundas cun crono de 45.55, e en 71 centésimas ás rusas Irina Adreeva e Daria Kharchenko, terceiras.

Unha hora antes a parella pontevedresa quedaría ás portas do podio na final de C2 500 metros. A dupla galega terminaba en cuarta posición a un suspiro da medalla de bronce, logo de ocupar durante toda a proba os postos de medalla. Foi nos últimos metros onde a embarcación chilena de Karen Roco e María Mailliard excedeu ás españolas para levar o bronce por escasa marxe de seis milésimas. As medallas de ouro e prata serían para as piraguas de Ucraína e Moldavia.

O resto de participantes galegos nesta última xornada de competición terminaban cuns excelentes resultados. Así ben, Roi Rodríguez e Albert Martí conseguían a sexta praza na final de K2 1000 metros, onde a outra parella española de Cubelos e Pena lograba o bronce. A última participación da parella tudense sería na final de K1 5000 metros onde Roi sería noveno e Albert décimo sexto.

O K4 500 masculino contaba coa presenza de Pelayo Roza e Pedro Vázquez xunto a Enrique Adán e Carlos Borras. O combinado español non puido facerse cun dos metais en xogo ao terminar en cuarto lugar por detrás dos equipos de Francia, Ucraína e Serbia.

Comentarios