Aroma a podio

As deportistas do CGTD Ania Setién, Lucía Rodríguez e Jacobo Fernández logran catro medallas no Open de Turquía de bádminton
2019080618362325998
photo_camera Ania Setién, Lucía Rodríguez e Jacobo Fernández posan coas súas medallas. FGB

O bádminton galego está de parabén. Ania Setién, Lucía Rodríguez e Jacobo Fernández, representantes do CGTD, conseguiron levar na xornada de onte tres medallas de prata e unha de bronce no Turkey U17 Open, a última proba de preparación de face ao Campionato de Europa de bádminton que se celebrará a finais de agosto.

Os tres deportistas, formados en Pontevedra, volven a casa co mellor resultado colectivo da tempada. Aínda que o final da competición foi agridoce, ao caer derrotados nas tres finais disputadas, o feito de estar por tres veces no último partido de cada modalidade é un éxito non só para o bádminton galego, senón tamén para o nacional.

Logo da subida de adrenalina da xornada do sábado, onde Jacobo en individual masculino, Lucía en individual feminino e ambos no dobre mixto lograron o paso ás finais, onte os representantes turcos impediron que algún dos títulos en xogo volvésese a Galicia.

Na primeira final da mañá, a dupla Lucía-Jacobo caía derrotada ante os locais Budak e Betkas por 12-21/19-21.

A seguinte en saltar á pista foi a salvaterrense Lucía Rodríguez para afrontar a final individual fronte á turca Yemisen. O partido foi moi igualado, Lucía non permitiu que a turca se afastase, pero unha mala serie final cun parcial de 0-7 para a otomá decidiu o título.

Só quedaba a raqueta do vigués Jacobo fronte ao número 6 de Europa, o tamén turco Sarac. Quizais era a final máis difícil e así se demostrou. Jacobo xogou un bo primeiro set, pero apoiado polo seu público, igual que no resto das finais, o local levoullo por 16-21. Xa no segundo, Jacobo non tivo capacidade de reacción e cedeu por 12-21.

Ademais das tres pratas, Ania Setién logrou o bronce en individual.

En definitiva, bo balance final para os deportistas do CGTD antes do Europeo de Polonia.

Comentarios